Os plans avanzados por Augas de Galicia para ampliar a Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) dos Praceres provocou o rexeitamento das entidades parroquiais de Lourizán.
A través dun comunicado, varios colectivos da parroquia anuncian que se organizarán para tentar paralizar o que consideran "un novo atentado urbanístico e ambiental" na zona.
"A parroquia máis castigada da cidade de Pontevedra non quere continuar sendo o vertedoiro da comarca", defenden pedindo en primeiro lugar que non se amplíe a EDAR, que actualmente recolle augas residuais de Pontevedra, Marín, Poio, Vilaboa e Ponte Caldelas, o que provoca a súa situación de saturación.
Por ese motivo as asociacións esixen que se acepten na instalación as augas residuais procedentes unicamente do Concello de Pontevedra, e a medio prazo que se busque unha alternativa á súa localización nunha zona que non estea afectada polo dominio marítimo-terrestre.
Ante esta situación os colectivos convocan un encontro aberto a todos os veciños que se celebrará o mércores 6 de xuño no baixo parroquial situado na Praza dos Praceres ás 20:00 horas, no que se exporán medidas de protesta.
As entidades parroquiais asinantes do comunicado son: Comunidade de Montes de Lourizán, Armel, San Andrés CF, Plataforma en Defensa da Praza dos Praceres, Comisión de Festas, ANPA CEIP A Carballeira, Aveloplan Lourizán, Club de Colombofilia e a AAVV San Andrés.