O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado polo vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, mantivo este luns un encontro co Consello de Administración de Ence, co seu presidente ao fronte Ignacio de Colmenares que presentou o seu proxecto para crear un Polo de Economía Circular e Biomateriais no concello coruñés das Pontes de García Rodríguez.
En declaracións aos medios ao termo da xuntanza, o vicepresidente económico precisou que a empresa contempla instalar unha planta de biocombustibles e papel tisú. Supoñerá un investimento conxunto de preto de 355 millóns e a creación duns 1.190 postos de traballo (150 directos, 400 indirectos e 636 inducidos). A compañía informa que o proceso, desde o seu lanzamento (incluíndo a enxeñería e a obtención de todos os permisos) durará entre tres e cinco anos, ata a súa posta en marcha
Un proxecto, dixo o conselleiro Francisco Conde, que "complementa" a actividade que a pasteira desenvolve en Pontevedra e que, polo tanto "completa a cadea de valor e pecha o ciclo da madeira en Galicia".
Supoñerá un investimento conxunto de preto de 355 millóns e a creación duns 1.190 postos de traballo
Conde salientou que se trata dunha iniciativa "absolutamente independente da planta de Lourizán" que "vén demostrar o compromiso de Ence con Galicia e co binomio industria-sustentabilidade". Por iso, trasladou a "máxima colaboración" da Administración autonómica para "acompañar a empresa nas súas necesidades á hora de avaliar a viabilidade técnica, ambiental, financeira e económica deste novo proxecto".
Do mesmo xeito, manifestou a súa "confianza" en que conte tamén co apoio do Goberno a través dos fondos europeos, por exemplo, coas axudas previstas nos Pertes de Economía Circular e de Enerxías Renovables; se ben, xa avanzou que a Xunta vai avaliar as posibilidades de integralo no Fondo de Transición Xusta que o Executivo central aínda ten pendente de transferir a Galicia.
Esta segunda fábrica de Ence en Galicia, abondou, suporá un "balón de oxíxeno" para a toda a comarca de Ferrolterra, Eume e Ortegal, e súmase a outras iniciativas empresariais prioritarias aprobadas recentemente no Consello da Xunta: a fábrica de metanol de Forestal del Atlántico en Mugardos e a planta de reutilización de residuos nas Somozas, de Valogreene Recinor.
O vicepresidente primeiro lembrou que Ence ten sobre a mesa un programa de investimentos de 395 millóns de euros para mellorar a eficiencia da súa planta da ría de Pontevedra e, ao respecto, Conde aludiu á "unidade de acción que existe entre a propia empresa, a Xunta de Galicia, o cadro de persoal, a industria auxiliar, loxística e de transporte e a Autoridade Portuaria de Marín para que a factoría de Lourizán poida continuar a súa actividade no seu emprazamento actual".
A proxectada nas Pontes non é unha planta de celulosa, senón que producirá fibras naturais recicladas cun consumo de recursos naturais (auga, subproductos agroforestais, etc.), capacidade e dimensións moi inferiores ás da fábrica de Pontevedra. Trátase dun centro de traballo independente, cunha actividade autónoma e diferenciada co que Ence entra no sector da recuperación de papel.
Dende a compañía pastera comunicaron que "Ence quere formar parte do futuro de Galicia e, por iso, redobra a súa aposta, construíndo unha bioplanta complementaria á biofábrica de Pontevedra, para o desenvolvemento de novos biomateriales a partir de fibra recuperada e da celulosa producida en Pontevedra".
"O obxectivo é completar o círculo en Galicia: fabricar un produto que teña como orixe e destino o noroeste de España e que se comercialice prioritariamente en Galicia", anuncia Ence.
Esta nova fábrica converterá á zona de As Pontes nun "enclave estratéxico para a bioeconomía en Galicia", xa que propón a transformación dunha central térmica "nunha moderna instalación que será exemplo de Transición Xusta na Comunidade".
As fibras naturais que fabricará serán obtidas nun 80% de papel e cartón recuperado
As fibras naturais que fabricará serán obtidas nun 80% de papel e cartón recuperado, "nun proceso plenamente respectuoso co medioambiente, no que se branqueará cun innovador proceso ecoeficiente e libre de cloro".
O 80% da planta estará focalizado, así, na produción de pasta reciclada branqueada. O 20% restante vaise dedicar á produción de papel para produtos hixiénicos e rolos de papel recuperado. A compañía estuda colaborar con empresas galegas do sector como parte dun Polo Industrial de Economía Circular en Galicia.
Ence asegura que "o proceso será plenamente sostible de principio a fin, baseado na reutilización e minimización do uso de recursos naturais". Así, a auga que utilizará a planta poderá ser reutilizada e "a utilización das mellores tecnoloxías dispoñibles asegurará, ademais, que a pequena cantidade de auga que se devolva á natureza teña a máxima calidade ambiental, máis pura que cando foi captada".
Na propia planta xerarase toda a enerxía renovable térmica e eléctrica que require o proceso, partindo de subproductos agroforestais certificados de forma pioneira baixo o esquema europeo SURE para a biomasa e acordes ao decálogo para a sustentabilidade da biomasa como combustible, unha iniciativa promovida voluntariamente desde Ence.
Deste xeito, será autosuficiente energéticamente. O excedente desta enerxía fornecerase á rede eléctrica e destinarase a cubrir o consumo local de empresas e habitantes da contorna. Ademáis aseguran que a produción de papel será totalmente exenta de carbono xa que "non se utilizarán combustibles fósiles en ningún paso do proceso, o que reforza o carácter punteiro desta instalación".
A compañía e a Xunta de Galicia ofrecerán unha rolda de prensa conxunta o vindeiro xoves, 30 de xuño, en Pontevedra.