En cumprimento da normativa contable, Ence rexistrou nas súas contas o impacto dun eventual peche da súa fábrica de celulosa de Pontevedra, por importe de 196 millóns de euros, tras as dúas sentenzas ditadas en xullo pola Audiencia Nacional, que anulan a prórroga da concesión dos terreos de dominio público sobre os que se asenta esta planta en Lourizán.
Deles, 48 corresponderían os gastos polo desmantelamento da instalación e outros 148 millóns corresponderían á deterioración do valor dos activos vinculados á fábrica de Pontevedra "que non supoñerá unha saída de caixa". Estímase que podería compensar esta cantidade coa indemnización que recibiría e que, como mínimo calculan en 130 millóns, que é o que investiu na planta de Lourizán desde a última prórroga concedida.
A normativa contable non permite provisionar os custos do futuro ERE de extinción dos traballadores da planta de Pontevedra e de parte da estrutura corporativa do grupo.
Ence presentou este martes os correspondentes recursos de casación ante o Tribunal Supremo, e asegura a compañía que "esgotará todas as vías xurídicas en defensa da legalidade da prórroga desta concesión".
Según informa Ence, no caso de que se vise finalmente obrigada ao peche da fábrica de Lourizán, a empresa tería que facer fronte a un desembolso de 48 millóns de euros e do custo do ERE, non provisionado.
BENEFICIOS
Ence Energía y Celulosa volveu a beneficios no segundo trimestre de 2021, polos altos prezos da celulosa e a eficiencia e bo desempeño operativo das plantas da compañía.
Segundo informa a empresa rexistrou un beneficio neto ordinario de 12 millóns de euros no segundo trimestre de 2021, fronte ás perdas de 13 millóns que contabilizou no mesmo período do ano anterior. O resultado operativo consolidado de Ence antes de coberturas alcanzou os 56 millóns entre abril e xullo, o que supón máis que duplicar o obtido no segundo trimestre de 2020.
No negocio de celulosa o resultado operativo alcanzou os 42 millóns de euros, o que multiplica por cinco o de 2020. Ademais, a produción de celulosa aumentou un 4% interanual.
Pola súa banda, no negocio de enerxía renovable o resultado operativo alcanzou os 14 millóns (+31% excluíndo a planta termosolar vendida en decembro). Ence conta cunha carteira de 513 MW de proxectos de biomasa e fotovoltaicos, con acceso a rede e localizacións aseguradas, que se espera que empezarán a construírse progresivamente a partir de 2022.
MÁIS DE 380 MILLÓNS DE EUROS EN CAIXA DISPOÑIBLE
A compañía mantén un balance moi saneado cunha débeda neta de 43 millóns de euros no seu negocio de celulosa, de 133 millóns no de enerxía renovable e con máis de 380 millóns de euros de caixa dispoñible en balance, despois de amortizar anticipadamente préstamos por importe de 95 millóns na primeira metade do ano.