ENCE prevé investir máis de 130 millóns de euros na súa fábrica de Lourizán durante os próximos dez anos

Pontevedra
08 de febreiro 2023

A compañía anuncia que desbloqueará todas as actuacións proxectadas no complexo industrial pontevedrés. Ence sinala que estes investimentos "están deseñados para continuar operando cos mellores estándares de calidade e sustentabilidade" nunha fábrica que, segundo defenden, "é un exemplo de bioeconomía circular"

Fábrica de Ence en Lourizán
Fábrica de Ence en Lourizán / Mónica Patxot

Algo máis de 130 millóns de euros prevé investir a empresa Ence na súa fábrica de Pontevedra durante o próximos dez anos. Así o asegurou a compañía pasteira nun informe que presentou este mércores ante a Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV).

Tras o fallo do Tribunal Supremo sobre a legalidade da súa concesión, avalando a súa continuidade en Lourizán ata o ano 2073, a compañía anuncia que desbloqueará todas as actuacións proxectadas no complexo industrial pontevedrés.

O documento elaborado por Ence sinala que estes investimentos, tanto recorrentes como singulares, "están deseñados para continuar operando cos mellores estándares de calidade e sustentabilidade" nunha fábrica que, segundo defenden, "é un exemplo de bioeconomía circular".

A empresa comprométese ademais a retomar o seu plan social, un programa de apoio a entidades sociais da comarca de Pontevedra dotado cun orzamento anual de tres millóns de euros "para fomentar a sustentabilidade, a educación, a innovación e o deporte".

Dentro do seu proxecto industrial, Ence informa que continúa avanzando na tramitación da súa nova planta nas Pontes (A Coruña), na que producirá fibra reciclada a partir de cartón e papel recuperados, así como de celulosa virxe elaborada pola propia compañía. 

A factoría, que a empresa quere ter operativa o ano 2026, terá capacidade para producir unhas 100.000 toneladas anuais e nela estímase un investimento duns 125 millóns de euros, sendo o retorno esperado superior ao 12%.

Posteriores fases do proxecto contemplan a instalación dunha planta de coxeración con biomasa certificada, que cubrirá todas as necesidades de calor e electricidade da instalación, e dunha liña para a fabricación de 30.000 toneladas anuais de produtos papeleros.

Tras aclararse o seu futuro en Pontevedra, Ence avanza que presentará o próximo 28 de febreiro os resultados económicos do cuarto trimestre de 2022 e as súas contas semestrais, que incluirán o impacto contable estimado tras o comunicado do Tribunal Supremo.

A compañía detalla ante a CNMV que a reversión das deterioracións de activos e provisións de gastos rexistrados como consecuencia das sentenzas da Audiencia Nacional, terán un impacto positivo estimado duns 169 millóns de euros no seu beneficio neto de 2022.