Ence inicia en Navia a produción de Naturcell, celulosa que só se estaba a subministrar desde a fábrica de Lourizán

Pontevedra
01 de decembro 2022

A empresa anuncia na súa propia páxina web que se completou con éxito a súa primeira produción na factoría de Navia desta pasta de celulosa non branqueada. Advirten que esta innovación permite a Ence avanzar na diversificación da carteira das instalacións asturianas. Deste xeito, Navia asume unha produción que ata o momento era acometida unicamente en Pontevedra, onde a fábrica mantense á espera da decisión do Tribunal Supremo sobre a prórroga

Fábrica de ENCE en Navia, Asturias
Fábrica de ENCE en Navia, Asturias / ENCE

Ence comezou en Navia a produción de Naturcell e anuncia na súa páxina web que se completou con éxito este primeiro proceso na fábrica asturiana para elaborar un produto de celulosa non branqueada. Esta pasta ata o de agora só fornecíase desde a factoría de Lourizán en Pontevedra e agora, segundo a empresa, esta iniciativa permitirá a diversificación da carteira das instalacións asturianas, achegando "maior flexibilidade, resiliencia e valor engadido á súa actividade".

Esta produción de celulosa non branqueada incluirase, segundo a entidade pasteira, na carteira habitual da biofábrica de Navia en lugar da celulosa de eucalipto estándar, sumándose a outras alternativas de produtos diferenciados de Ence, como son Powercell ou Closecell.

Ence sinala que a produción desta pasta poderase realizar, a partir de agora, desde "ambas as biofábricas". A celulosa Naturcell elaborada en Lourizán era a primeira en dispoñer dunha Declaración Ambiental de Produto, un programa para declaracións ambientais. O proceso para obter este identificativo en Navia iniciarase en 2023.

Segundo a propia compañía, a peche do terceiro trimestre deste 2022 consolidouse a porcentaxe de vendas de produtos especiais, que se inclúen na liña "Ence Advanced", que supuxeron un 18% das vendas totais de celulosa.

Este movemento de ampliación de produción en Navia prodúcese cando o futuro da fábrica de Ence en Lourizán mantense á espera da decisión do Tribunal Supremo que aprazou, sen data establecida, a votación para decidir sobre a legalidade da prórroga, tras os recursos que foron presentados contra as sentenzas da Audiencia Nacional que consideraban ilegal a decisión adoptada polo goberno central, baixo a presidencia de Mariano Rajoy, para que a empresa continuase ata 2073 na ría pontevedresa.

Arquivado en