ENCE fixa entre 2023 e 2024 o peche da súa fábrica en Pontevedra se o Supremo non atende os seus recursos

Pontevedra
28 de febreiro 2022

Así o recolle no informe presentado ante a Comisión Nacional do Mercado de Valores da conta de resultados a peche de 2021, no que explica que recorreu estas sentenzas e están "á espera" da decisión do alto tribunal sobre a admisión dos recursos presentados.

Fábrica de Ence en Lourizán
Fábrica de Ence en Lourizán / Mónica Patxot

Ence puxo data de caducidade á súa fábrica de Pontevedra. A compañía pasteira asegura que, se o Tribunal Supremo non acepta os recursos presentados contra as sentenzas xudiciais que anularon a súa concesión sobre os terreos de Costas nos que senta o complexo industrial de Lourizán, pechará a factoría entre os anos 2023 e 2024.

Así o recolle no informe presentado ante a Comisión Nacional do Mercado de Valores da conta de resultados a peche de 2021, no que explica que recorreu estas sentenzas e están "á espera" da decisión do alto tribunal sobre a admisión dos recursos presentados.

"En caso de non admisión dos recursos ou de desestimación dos mesmos por parte do Tribunal Supremo, corresponderíalle ao Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico determinar (en decisión visada pola Audiencia Nacional) o prazo para un potencial cesamento de actividade da fábrica", sinala a empresa.

Ante este "escenario de potencial cesamento de actividade", Ence rexistrou nos estados financeiros do segundo trimestre deterioracións de activos e provisións de gastos -que non supoñerán unha saída de caixa- por un importe neto de 151,9 millóns de euros, xunto cunha provisión de 42,3 millóns de euros para facer fronte aos custos estimados polo potencial desmantelamento da fábrica.

A este diñeiro suma outros 6 millóns de euros para facer fronte aos custos estimados pola potencial cancelación de contratos.

O custo dun procedemento de reestruturación do excedente de man de obra, incluída a estrutura corporativa asociada, que se xeraría co potencial cesamento de actividade aínda non foi  provisionado, ao non cumprirse os requisitos contemplados na normativa contable para o seu recoñecemento, aclaran desde Ence.

PERDAS DE 190 MILLÓNS

Ata 190 millóns de euros ascenderon no ano 2021 as perdas da compañía Ence, segundo recoñeceu a empresa, que vincula este balance negativo coas provisións realizadas tras as sentenzas que anularon a concesión administrativa da súa fábrica de Pontevedra.

De non ser polo impacto contable destas sentenzas, o grupo volvería aos beneficios en 2021, cun resultado neto atribuíble de 10 millóns de euros, a pesar de seguir o país nun escenario de incerteza marcado pola pandemia da covid-19.

Neste contexto, Ence xerou 76 millóns de fluxo de caixa libre, o que lle permitiu reducir neste mesmo importe a súa débeda neta, que se situou en 102 millóns, concentrada no seu negocio de enerxía renovable e sen débeda neta no negocio de celulosa.

Así, a compañía terminou o exercicio cun saldo de caixa de 397 millóns despois de amortizar débeda por importe de 198 millóns, reducido o uso das súas liñas de financiamento de circulante en 56 millóns e pagar investimentos por importe de 71 millóns.

O prezo da celulosa rexistrou unha forte recuperación en 2021, pasando dos 680 dólares brutos por tonelada, ata os actuais 1.145 dólares. Os principais produtores de celulosa anunciaron subidas adicionais ata os 1.200 dólares por tonelada para o mes de marzo.

Esta fortaleza do prezo da celulosa compensou a inflación no custo das materias primas e da loxística, impulsando o resultado operativo do negocio de celulosa antes de coberturas ata os 141 millóns no conxunto do ano, fronte aos 14 millóns de 2020.

No negocio de enerxía renovable o resultado operativo antes de coberturas situouse nos 71 millóns no conxunto do ano, fronte a un comparable de 42 millóns no exercicio anterior.

En 2022, a compañía asegura que está a beneficiarse do actual contexto de mercado, con forte demanda e prezos nos seus dous negocios, desde unha sólida posición financeira marcada por unha potente xeración de caixa.

Arquivado en