Este xoves 28, a dirección da empresa de Ence e os representantes do comité de fábrica volverán reunirse para continuar coas negociacións do expediente de regulación temporal de emprego (ERTE) previsto para o persoal da fábrica como consecuencia da parada na produción debido á escaseza de auga que se rexistra durante estes meses de verán na comarca de Pontevedra.
Ao longo da xornada do martes, representantes da empresa e integrantes do comité mantiñan un encontro no que se analizaba esta situación. Rubén Fernández, secretario do comité de empresa da fábrica, afirma que se trasladou á dirección o malestar polas formas en que se comunicou o ERTE.
A empresa acolleu con "certo agrado" algunhas das propostas dos representantes do comité
A parte sindical expuxo iniciativas alternativas á aplicación do ERTE, que afectaría inicialmente a máis de 300 empregados que traballan nas instalacións de Lourizán. Segundo expón Rubén Fernández, integrante de Comisións Obreiras, a empresa acolleu con "certo agrado" algunhas das propostas dos representantes do comité como a realización de traballos de mantemento durante este período na factoría "que permitan acometer unha arrancada coas maiores garantías posibles" ao retomar a actividade ou a opción de establecer vacacións a parte do persoal.
Estas propostas serán estudadas pola empresa e o xoves analizaranse no novo encontro a súa aplicación. O principal punto de distanciamento entre as partes atópase nas condicións nas que afectaría o ERTE á masa social da empresa. Desde o comité se solició documentación á dirección de Ence e na nova reunión, segundo indicou Rubén Fernández a PontevedraViva, tentarase mellorar as condicións para os traballadores fronte ás que inicialmente propón Ence.
Os representantes do comité, no que conta con maioría Comisións Obreiras tras as últimas eleccións sindicais, recoñecen a limitación na negociación ao tratarse dun ERTE provocado por unha causa maior como é a seca. O venres está prevista a convocatoria dunha asemblea na que o comité informe ao persoal o estado en que se atopan as conversacións coa dirección cuxa intención é aplicar a medida de regulación laboral de maneira inmediata. O ERTE inicialmente só afectará o persoal da fábrica e non aos traballadores das oficinas centrais.