ENCE considera "unha boa noticia" o apoio da Autoridade Portuaria á adscrición dos terreos que ocupa a fábrica

Pontevedra
05 de outubro 2021

"A empresa estará atenta aos seguintes pasos neste proceso", asegura a pasteira en alusión á consulta que a Xunta realizou ao Consello Consultivo de Galicia para valorar se a opción de adscribirse ao Porto é legalmente posible

Fábrica de Ence en Lourizán
Fábrica de Ence en Lourizán / Mónica Patxot

O apoio da Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra á idea de adscribir os terreos que ocupa ENCE en Lourizán ao Porto, para así lograr a continuidade da factoría na súa actual localización, foi valorado de maneira positiva por parte da pasteira.

"Ence Enerxía e Celulosa considérao unha boa noticia e agradece a iniciativa impulsada pola Xunta de Galicia e polos traballadores para explorar esta posibilidade e buscar así unha vía de solución", explica nun comunicado remitido aos medios de comunicación.

"A empresa estará atenta aos seguintes pasos neste proceso, o primeiro dos cales será previsiblemente a consulta por parte do goberno galego ao Consello Consultivo de Galicia", engade no seu escrito.

Este apoio supón un paso máis na posibilidade de ampliar os terreos do Porto para dar cabida ao complexo industrial de Lourizán, pero non é a única vía que manexa ENCE para buscar a súa continuidade despois de que a Audiencia Nacional anulase a concesión dos terreos de dominio público marítimo-terrestre que ocupa en Pontevedra.

En paralelo a pasteira continúa coa súa defensa nos tribunais confirmando que o pasado martes presentou os correspondentes recursos de casación ante o Tribunal Supremo coa intención de esgotar "todas as vías xurídicas".

Arquivado en