Unha multitudinaria manifestación de persoal de Ence e de empresas auxiliares percorrían no serán deste venres as rúas do centro de Pontevedra para reivindicar a continuidade da fábrica pasteira na súa actual localización en Lourizán.
A marcha partía ao redor das 20.30 horas da estación de autobuses para percorrer Eduardo Pondal, Uxío Novoneyra para despois dirixirse a través de Benito Corbal e Michelena ata a Praza de España onde se concentraron e deron lectura a un manifesto.
A maioría dos participantes vestían chalecos amarelos co lema 'Ence si' e as pancartas reclamaban un futuro e traballo digno en Pontevedra ou emprego industrial na comarca. Durante o percorrido, na cabeceira empregáronse botes de fume de distintas cores pero, nesta ocasión, non se empregaron petardos.
Á convocatoria asistían, entre outros representantes políticos, a alcaldesa de Marín, María Ramallo, con outros representantes do goberno marinense; o presidente da Autoridade Portuaria, José Benito Suárez Costa e representantes do Partido Popular da corporación de Pontevedra co seu presidente Rafa Domínguez á fronte, do mesmo xeito que Luís López, delegado territorial da Xunta.
Tamén participaron numerosos representantes de Comisións Obreiras, sndicato con maioría de representantes nas instalacións de Pontevedra, con Amelia Pérez, secretaria xeral de Galicia, ademais de Pilar Mosquera, secretaria comarcal de Pontevedra, e outros cargos estatais e galegos do sindicato. Á cita acudiron integrantes de confrarías da ría; da agrupación industrial da madeira e de diferentes sectores empresariais da comarca.
O momento de maior estrondo producíase á altura do edificio do Concello na rúa Michelena onde se lanzaron proclamas contra o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores. Xa na praza de España ante unha importante presenza de efectivos policiais nas inmediacións da Subdelegación do Goberno; Manuel Rivas, presidente do comité de empresa da fábrica; Antonio Taboada, representante das empresas auxiliares de Ence no sector forestal, loxística e transporte; e Ana Cedeira, preisdenta do comité de oficinas centrais, agradecían a masiva participación neste acto.
Os representantes sindicais manifestaron ter "esperanza" de que o Tribunal Supremo "poña sentido común, sensatez e cordura a esta situación" e lembraron o seu "dereito a un traballo que contribúe á xeración de emprego digno, que é medioambientalmente sostible e que coopera coa defensa do emprego no rural". Manuel Rivas foi o primeiro en dirixirse aos manifestantes e lembrou que da fábrica pontevedresa dependen "moitísimas máis familias en toda Galicia"
Pola súa banda, Antonio Taboada iniciou a súa intervención facendo unha mención aos nenos porque "eles son vítimas non visibles de toda esta situación" para asegurar que "son os que nos dan a forza e son o futuro de Ence en Lourizán". Tamén fixo referencia ao traballo que se realiza nos montes galegos grazas aos distintos servizos forestais e de silvicultura que realiza a entidade pasteira.
Por último, Ana Cedeira, lembrou os tres anos de angustia, preocupación e de "noites sen durmir" que levan desde a sentenza da Audiencia Nacional contraria á prórroga concedida polo goberno de Mariano Rajoy para que a fábrica continuase na ría de Pontevedra ata 2073. A presidenta de oficinas centrais quixo lembrar aos maxistrados do Tribunal Supremo, que prorrogaron a súa decisión sobre o futuro de Ence "sine die", que teñan "sensatez" fronte á irresponsabilidade dos políticos. A súa intervención finalizaba reclamando a todos os manifestantes que alzasen a voz ao berro de "Ence queda en Lourizán".