ENCE, ata 2073: O Tribunal Supremo avala a continuidade da pasteira en Lourizán

Pontevedra
07 de febreiro 2023

Ence poderá continuar en Pontevedra ata 2073. O Tribunal Supremo revogou as sentenzas da Audiencia Nacional que, en xullo do pasado ano, anularan a concesión da fábrica pasteira de Lourizán, prorrogada polo Goberno en funcións de Mariano Rajoy

Fábrica de ENCE en Lourizán
Fábrica de ENCE en Lourizán / Mónica Patxot

Ence poderá continuar en Pontevedra ata 2073. O Tribunal Supremo revogou as sentenzas da Audiencia Nacional que, en xullo do pasado ano, anularan a concesión da fábrica pasteira de Lourizán, prorrogada polo Goberno en funcións de Mariano Rajoy. 

Os maxistrados da sección quinta da sala do contencioso-administrativo estimou todos os recursos presentados pola empresa e outras entidades económicas e sociais ao fallo derivado dos procesos xudiciais iniciados polo Concello de Pontevedra e Greenpeace.

O Supremo considera que se poden prorrogar as concesións anteriores á Lei Xeral de Costas de 1988, como é o caso, "sempre que consten informes ambientais favorables". Lembra que neste caso constaban estes estudos que avalaban a continuidade.

O contido íntegro das sentenzas, que contarán co voto particular da maxistrada Ángeles Huet, coñecerase nos próximos días.

Con esta decisión, o alto tribunal dá validez á resolución da Dirección Xeral de Sustentabilidade da Costa e do Mar, que outorgou a Ence en 2016 unha prórroga de 60 anos -a contar desde 2013- para seguir ocupando terreos de Costas na ría de Pontevedra.