A Dirección da empresa Ence ven de emitir un comunicado este xoves no que asegura con respecto á fábrica de Lourizán que "non existe ningún tipo de problema nin alteración na súa captación de auga".
Dende esta compañía sinalan que "a biofábrica mide de forma continua, con caudalímetros calibrados e certificados, os seus consumos, nos que as oscilacións máximas son de 0,55 m3/s" e lembra que as oscilacións no caudal do río Lérez referidas polo Concello de Pontevedra nun escrito dirixido a Augas de Galicia "son 10 veces superiores".
En calquera caso, Ence lembra que a administración competente, que é a Xunta de Galicia, "comproba e inspecciona as instalacións de Ence Pontevedra de forma rigorosa, periódica e habitual, para garantir en todo momento o correcto cumprimento dos parámetros da súa Autorización Ambiental Integrada (AAI)".
Tal e como comunicou a compañía pasteira recentemente, a Xunta de Galicia reduciu nun 60% o caudal da concesión da fábrica de Ence Pontevedra. "A compañía está a dar cumprimento a esta redución do seu caudal grazas aos investimentos realizados, á mellora continua e de proceso, que permitiron mellorar a eficiencia e maximizar a reutilización de auga", afirma a Dirección da fábrica neste comunicado no que engade que "en 2021 esta instalación rexistrou o menor consumo de auga da súa historia".
Ademáis, apuntan que "cando se produciron situacións de seca, a biofábrica reduciu voluntariamente o seu consumo e a súa produción, para priorizar sempre o consumo de auga dos habitantes da contorna".
Por último, Ence afirma que é "unha prioridade" para a empresa "a xestión e mellora da súa pegada de auga, tanto a nivel de consumo de recursos hídricos como de calidade dos seus efluentes, e denota o firme compromiso da compañía cos seus veciños".