Pasaron máis de 260 anos desde que o frei Martín Sarmiento describía nos seus manuscritos unha curiosa planta en forma de báculo de bispo. Facíao nunha das súas viaxes a Pontevedra, visitando as marxes do río dos Gafos, unha contorna que, como afirma o botánico Javier Silva Pando do colectivo ecoloxista Vaipolorío, cambiou moito desde 1755.
Sarmiento demostrou ter habilidade describindo a planta, xa que o seu debuxo retrata á perfección unha especie que aínda tardaría outros corenta anos en recibir o seu nome científico: a Myosotis discolor Pers, coñecida popularmente como 'nomeolvides' ou 'orella de gato'.
Este xoves 5 de abril, diante dun local do Marco, reuníanse os membros de Vaipolorío, equipados para a súa saída en procura da flor de Sarmiento. Acompañados polo bo tempo, decidiron emprender un novo camiño capaz de brindarlles o ansiado encontro coa planta. Seguiron os pasos do frei pola ruta peregrina cara a San Cibrán, e despois de moita procura, finalmente regresaron cara a Pontevedra cunha man chea de nada e outra cousa de ningunha.
A planta con flor azulada tampouco se fixo ver este ano, pero o colectivo persistirá e volverase a reunir o que vén. As baixas temperaturas non axudan á floración, un feito que podería estar a interpoñerse no camiño dos ecoloxistas.
Pando explica que a flora non é estática, senón que vai cambiando ao longo do tempo. O efecto humano tamén pode provocar que desaparezan plantas máis sensibles. As estradas, os camiños ou os herbicidas son elementos que provocan a eliminación de especies como esta na contorna do Gafos, a pesar de que non é difícil atopala noutros sitios da provincia.
Por iso, os membros de Vaipolorío demandan un maior coidado por parte de todos os cidadáns pontevedreses, sobre todo dos que viven máis preto do río. Evitando incidir de maneira directa sobre a contorna, moitas especies que hoxe forman parte da súa flora tendrán su futuro garantizado.