"En Pontevedra foron os veciños e as veciñas as que quixeron máis placemaking"

Pontevedra
28 de setembro 2022

A Placemaking Europe Week continúa con actividades que, pouco a pouco, van chegando a todos os recunchos da cidade. Anabel Gulías participou na charla 'Como o fan as cidades' e explicou que "á hora de poder levar a cabo este tipo de proxectos é precisa unha escoita activa" e "ter un forte compromiso coas ideas que fan posíbeis os cambios"

Visita dos participantes da Placemaking Week Europe á praza de abastos
Visita dos participantes da Placemaking Week Europe á praza de abastos / Mónica Patxot

A Placemaking Europe Week continúa en Pontevedra con actividades que, pouco a pouco, van chegando a todos os recunchos da cidade, convertida estes días na capital mundial da reflexión, o debate e a análise do urbanismo. Este mércores, as persoas participantes coñeceron, por exemplo, a praza de abastos da cidade dentro da visita guiada 'Atopar o corazón da cidade a través dos alimentos e os mercados’'. 

O Teatro Principal foi o epicentro da programación oficial, pero iso non impediu que as persoas tamén coñeceran o resto da cidade a través de actividades guiadas de diverso interese e aspecto como a citada do mercado ou a visita ‘Explorando Pontevedra a través dos sentidos e a mobilidade activa’.

Foron, en realidade, xeitos distintos de achegarse a Pontevedra e ao seu modelo urbanístico que, cando a choiva deu tregua, tamén se pararon na praza do Teucro. 

No Teatro Principal celebráronse as conferencias e os obradoiros presenciais, nos que Pontevedra tamén foi protagonista polo seu contido, e non só polo lugar onde se imparten. Así, a primeira conferencia da mañá, 'Como o fan as cidades', contou coa participación da concelleira de Promoción da cidade, Anabel Gulías.

"En Pontevedra foron os veciños e as veciñas as que quixeron máis placemaking", explicou Gulías ás persoas participantes, que lle devolveron varios aplausos durante a súa intervención.

Gulías falou das claves necesarias á hora de intervir na transformación dunha cidade e de seguir o camiño aberto hai xa varias décadas polo Goberno local e explicou que "á hora de poder levar a cabo este tipo de proxectos é precisa unha escoita activa".

A concelleira tamén sinalou que é preciso "ter un forte compromiso coas ideas que fan posíbeis os cambios" e que "os gobernantes non deben renunciar a esas ideas, pois por elas foron escollidos, para aplicalas e levalas á práctica".

Nesta actividade, moderada por Nate Storring, Gulías compartiu potagonismo con Salla Ahokas, Moa Sundberg e Sarah Rache e insistiu na necesidade de xerar un movemento transversal en todas as áreas municipais.

Polo Teatro Principal tamén pasaron este mércores Carlos Moreno, Marion Waller e Luca Ballarini; nunha charla moderada por Jennifer Jiang co título 'A transición climática xusta empeza no espazo público’.

Entre as actividades paralelas á programación, este mércores tamén se celebrou a mesa redonda ‘Empresas de Pontevedra. Un referente internacional en deseño urbano’, na que participaron representantes das empresas Pontevedresa, Setga, Edigal, Suites Nature e Formato Verde e a moderadora foi a xornalista de La Voz de Galicia María Hermida.

Para este xoves está prevista unha das xornadas máis potentes no referido ao interese que espertan algúns dos poñentes e que ofrecerán a súa opinión e experiencias no eido do urbanismo internacional. Así, aparece no programa o nome de Gregorio Scarpella, un dos artífices da humanización da cidade de Milán; o concelleiro na cidade de Estocolmo Fredrik Lindstål; David Sim, Patrick Bernard, Anna Bradley ou Ewa Sheifes.

Arquivado en