O voceiro de En Marea, Luís Villares, ofreceu unha rolda de prensa posterior á xunta de portavoces no Parlamento de Galicia para presentar os temas que o seu grupo levará ao pleno da vindeira semana. Así En Marea levará a A57 ao pleno e formará parte da pregunta ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.
O voceiro lembrou que na Lei de estradas do Estado no seu anexo II contempla a construción dunha autovía do Atlántico entre A Coruña e Porriño que discorrerá en paralelo AP-9, algo que como asegurou Villares "non podemos permitir xa que é un absoluto absurdo e disparate".
"Vimos de ver a Rajoy visitando parte destas obras do fragmento da A57 do que mal chaman circunvalación de Pontevedra cando non o é tal e como aparece no anexo segundo da Lei de autoestradas non é máis que unha infamia que supón construír unha nova infraestrutura paralela á que xa existe na AP9", dixo Vilares.
"O que temos que facer é traballar para que a AP9 sexa pública e libre de peaxe", engadiu. Neste sentido, segundo os cálculos de En Marea, o custe estimado da construción desta infraestrutura iría dos 1.200 a 1.500 millóns de euros, cantidade que daría para permitir o rescate substancial de toda a AP-9 que é o que reclama En Marea desde o inicio da lexislatura.