O Goberno vén de responder este martes a En Marea sobre o futuro das empresas produtoras de cloro, que deben ter adaptadas desde o pasado 11 de decembro a súa tecnoloxía, en cumprimento da directiva europea.
Segundo En Marea "de novo o Executivo que preside Mariano Rajoy evita responder sobre o futuro de Elnosa", aducindo a que non entra a valorar as decisións empresariais tomadas dentro da súa liberdade de actuación sobre o alcance dos investimentos ou calendarios das mesmas.
O grupo parlamentario de En Marea no Congreso volve criticar esta actitude do Goberno, "que vive de costas á nosa industria, cando debería ser o maior controlador do cumprimento das normativas".
En Marea denuncia, así, a "desidia" do Executivo que preside o pontevedrés Mariano Rajoy, ante a súa "negativa a informar" sobre as medidas adoptadas polo Goberno para esixir o cumprimento da regulación europea. De feito, a única resposta ofrecida é que a propia directiva europea "deu xa un amplo marxe" ás empresas industriais para a súa adaptación ás novas tecnoloxías limpas esixidas para a fabricación do cloro por membrana e abandonando a anterior producción usando mercurio.
A única información facilitada polo Goberno a este respecto é que durante o periodo de adaptación varias empresas decidiron acometer investimentos para o cambio nos procesos de producción e que o Ministerio de Economía, Industria e Competitividade, ofreceu, a este respecto, a posibilidade de acceder a préstamos de fomento da competitividade industrial para acometer estes cambios.
Debido á escasa información facilitada, En Marea volveu presentar este mesmo martes iniciativas parlamentarias para coñecer que empresas adaptaron a súa tecnoloxía e cales recibiron axudas estatais para facelo.
No caso de Elnosa, En Marea pregunta polas consecuencias medioambientais que pode ter para o entorno da industria cloreira as medidas que conleva a adaptación da producción, en caso de producirse, "xa que implicará tanto un aumento de auga como de augas residuais".
O grupo parlamentario de En Marea no Congreso volve denunciar, asemesmo, a "política de portas xiratorias que xa se produciu en ENCE, e que se volverán repetir en Elnosa, para garantir a continuidade dunha empresa altamente contaminante".
Desde En Marea esíxese un "cambio productivo na comarca", e no resto do país, insistindo en que o Goberno debe comezar a explicar cal é o futuro industrial en Galicia, "e a que nos imos adicar nun futuro".