Os grupos parlamentarios de En Marea no Parlamento de Galicia no Congreso dos Deputados e no Senado e representantes de Marea Pontevedra mantiveron este venres unha xuntanza co colectivo Salvemos a Fracha e volveron insistir no "despropósit"o do proxecto da autovía A-57, que está en fase de obras na súa primeira fase, entre A Hermida e Vilaboa.
Salvemos a Fracha segue denunciando a falta de información por parte dos responsables políticos con respecto ao proxecto e o voceiro de En Marea, Luís Villares, reiterou que se trata dunha infraestrutura "monstruosa e innecesaria" que transcorre a menos de dez quilómetros da AP9, de modo que solicita que o investimento previsto para a obra se destine a rescatar para o público a autoestrada. Así o trasladarán os parlamentarios de En Marea nas institucións nas que teñen representación en Galicia e Madrid.
Luís Villares insiste na necesidade de "desenmascarar a falsidade" de que a A-57 vaia funcionar como unha circunvalación para a cidade de Pontevedra cando, en realidade, "é unha autovía fantasma".
Á xuntanza tamén acudiron as deputadas no Congreso Alexandra Fernández e Ángela Rodríguez, a senadora Vanessa Angustia, o deputado no Parlamento Marcos Cal e o voceiro da Marea Pontevedra, Luís Rei. Todos eles comprometéronse a trasladar iniciativas aos diferentes parlamentos para que os gobernos da Xunta e do Estado aclaren as dúbidas que rodean este proxecto.
Os representantes de En Marea consideran "sorprendente" que a Xunta de Galicia non se pronuncie sobre unha vía que nos documentos legais denominan Autovía do Atlántico e que, "segundo a lei 37/2015, atravesará Galicia de norte a sur competindo coa AP-9".
Os parlamentarios sospeitan que "estamos ante unha nova operación de rescate de autoestradas", pois "non hai outro xeito de entender que se defenda a liberación da AP-9 mentres se impulsa a construción dunha autovía paralela".