En 2022 repartíronse 390.000 quilos de comida desde o Banco de Alimentos de Pontevedra

Pontevedra
17 de febreiro 2023

Esta Fundación indica que, grazas ao traballo diario de loita contra o malgasto en colaboración con diversas cadeas de alimentación, durante o pasado ano recuperáronse 96.598 quilos de alimentos, que con esta acción non foron destruídos

Voluntariado do Banco de Alimentos na sede de Pontevedra
Voluntariado do Banco de Alimentos na sede de Pontevedra / Banco de Alimentos

O Banco de Alimentos na súa delegación de Pontevedra fai balance dos produtos básicos que foron repartidos durante o ano 2022 e sinala que se entregaron preto de 390.000 quilos de comida a través da súa actividade.

Segundo sinala esta fundación, ao longo dese ano mellorouse a cesta básica. Adquiriron e engadiron aos seus depósitos alimentos máis saudables co obxectivo de dar resposta ás demandas nutricionais actuais, que establecen unha dieta equilibrada.

Tamén indican que, grazas ao traballo diario de loita contra o malgasto e a través da colaboración con diversas cadeas de alimentación, en 2022 evitouse que acabasen desperdiciados 96.598 quilos de comida, que sería destruída. 

Desde Banco de Alimentos explican que antes estes restos eran destinados a comedores sociais, pero nos últimos anos, cada vez son máis as ONG que solicitan produtos en perfecto estado de consumo que requiren unha rápida clasificación e entrega. Con esta práctica, indican desde a Fundación, recupéranse estes produtos frescos e evitar que terminen no lixo. Tamén se inflúe positivamente no medio ambiente, evitando máis CO2 á atmosfera.

O Banco de Alimentos leva 27 anos realizando actividades en Vigo, mentres que en Pontevedra comezaron hai nove anos. Desde esta delegación aténdese a ao redor de 5.000 persoas en situacións vulnerables, coa colaboración de corenta colectivos sociais.