Alfonso Rueda, vicepresidente da Xunta de Galicia, afirmaba este luns que o goberno de Núñez Feijóo tramitará a solicitude de autorización ambiental integral cando Elnosa a presente para que a empresa clorera realice o cambio tecnolóxico que lle permita axustarse á lexislación europea cun tratamento no que non empregue mercurio. E avisaba de que coa autorización da Xunta de Galicia non sería suficiente xa que é precisa a autorización urbanística por parte do Concello de Pontevedra, onde o goberno local rexeita que Elnosa continúe na actual localización en Lourizán.
Ante esa situación, Rueda insistía na necesidade de mantener os postos de traballo e sinalaba que o Concello terá que ofrecer explicacións e axustarse á lexislación se continúa rexeitando a continuidade de Elnosa na ría.
O comité de empresa da factoría apuntaba que a dirección de Elnosa xa ten elaborado o borrador para solicitar a autorización ambiental integrada e agardan en que sexa presentada ante a Xunta a principios de 2017. Avelino García, presidente do comité, alertaba de que ao Concello non queda máis remedio que outorgar licenza á electroquímica se obteñen unha nova concesión para manterse nos terreos de Lourizán.
Nese sentido, entenden que o goberno de Rajoy concederá esa concesión a través de Costas do mesmo xeito que xa fixo con Ence. A partir de aí, o Concello tería que decidir se outorga a licenza para que se acometan as obras para que a factoría se adapte á lexislación europea co cambio tecnolóxico e o desmantelamento da actual planta de mercurio.
Desta forma, Avelino García e o secretario comarcal de Comisións Obreiras, José Luis García Pedrosa, sinalan que o Concello de Pontevedra e, en concreto, o BNG é o único obstáculo para a continuidade de Elnosa na ría pontevedresa. Ante esta situación, os traballadores retomarán os actos de protesta e teñen prevista unha concentración o próximo 9 de decembro ante a Casa Consistorial.
LEI MORDAZA
Avelino García denunciou que o goberno local está a aplicar a Lei Mordaza a teor da sanción de 200 euros que terá que pagar ao ser identificado pola Policía Local durante a protesta protagonizada antes do mitin do BNG na praza do Teucro durante a campaña das pasadas eleccións autonómicas. Outro integrante do sindicato, José Ramón Piñeiro, tamén foi multado por eses mesmos feitos. García e Pedrosa sinalan que a denuncia foi tramitada polo goberno do BNG ante a Subdelegación do Goberno e lamentan que se emplen os recursos do Concello con intereses partidistas.
Por outra banda, Avelino García indicou que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia rexeitou un recurso do goberno local de Pontevedra pola aprobación da autorización ambiental integrada concedida en 2012. Unha proba máis, sinalou, de que a empresa cumpre cos requisitos e quere seguir cumprindo coa legalidade establecida.
Anuncian que, como os prazos están moi axustados para todas as tramitacións xa que actualmente terían que abandonar Lourizán a finais de 2017, a empresa non descarta solicitar da Unión Europea unha moratoria que lles permita prorrogar a súa actividade na ría pontevedresa. Os representantes sindicais entenden que sería concedida porque existe un perigo de desabastecemento de cloro para España. No caso de que o Concello manteña a súa actual oposición á continuidade da factoría, agardan que a Xunta declare a supramunicipalidade de Elnosa, como xa fixera con Ence.