Elnosa anuncia aos traballadores a súa intención de pechar o 29 de xullo

Pontevedra
11 de xullo 2018

O grupo portugués CUF, propietario de Electroquímica do Noroeste S.A. (Elnosa), confirmou nas últimas horas ao comité de empresa que cesará a súa actividade na ría de Pontevedra o próximo 29 de xullo, data na que caduca a súa concesión con Costas

Fábrica de Elnosa en Lourizán
Fábrica de Elnosa en Lourizán / Mónica Patxot

O grupo portugués CUF, propietario de Electroquímica do Noroeste S.A. (Elnosa), confirmou nas últimas horas ao comité de empresa que cesará a súa actividade na ría de Pontevedra o próximo 29 de xullo, data na que caduca a súa concesión con Costas.

O peche de Elnosa, segundo os directivos lusos, prodúcese "por non dispoñer de título xurídico" para poder seguir en Lourizán, ante a falta de resposta do Goberno central sobre a prórroga solicitada, do mesmo xeito que Ence no seu día, para seguir producindo cloro na ría.

Avelino García, presidente do comité de empresa da electroquímica, explica que "nos esperabamos esta decisión", xa que este peche era unha "morte anunciada", sobre todo tras o cambio de goberno en Madrid e a chegada do socialista Pedro Sánchez á Moncloa.

Os traballadores esperan lograr a "mellor saída posible" para a súa situación laboral. Elnosa "previsiblemente", sinala García, adiantará o ERE previsto para agosto e que afecta a 16 persoas que, nos últimos meses, estiveron desmantelando a tecnoloxía de mercurio.

Así, só quedarían no plantel 28 traballadores aos que, salvo cambios de última hora, ofreceráselles o traslado á fábrica que o grupo adquiriu en Torrelavega (Cantabria). En todo caso, esta recolocación dependerá da decisión que tome cada traballador.

Algúns deles, con todo, poderían ser empregados por Ence a través de filiais ou empresas auxiliares, segundo recoñece a PontevedraViva o presidente do comité de empresa.

Mentres tanto, o persoal seguirá realizando labores de desmantelamento da fábrica, desempeñando tarefas comerciais e fabricando hipoclorito que, sinala Avelino García, ten un nivel de produción "moi baixo".

O comité de empresa informará ao persoal da reunión mantida coa dirección de grupo CUF nunha asemblea convocada para este xoves.

REUNIÓN COA XUNTA

Ademais do encontro que mantiveron cos representantes do comité de empresa, os directivos do grupo portugués CUF entrevistáronse este mércores co vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda; e cos conselleiros de Economía e Medio Ambiente, Francisco Conde e Beatriz Mato, respectivamente.

Fontes do goberno galego aseguran que, aínda que os propietarios de Elnosa, "non nos dixeron de forma tallante que pechan" as súas instalacións en Pontevedra si lles trasladaron que a súa continuidade "vena moi difícil".

Os empresarios recoñecen que están "en plena conta atrás", aínda que sinalaron ante os tres representantes do goberno galego que esperarán a recibir unha resposta de Costas. "Se houbese permiso, quedarían", sinalan desde a Xunta de Galicia.

Arquivado en