Elnosa anuncia ao persoal a apertura dun expediente de regulación de emprego extintivo

Pontevedra
30 de novembro 2017

A dirección do Grupo CUF xustifica esta decisión na falta de seguridade xurídica. O ERE comezará a negociarse o 7 de decembro cun mínimo dunha decena de despedimentos. 10 empregados de empresas subcontratadas tamén deixaron este xoves de traballar na electroquímica

Integrantes do comité de empresa de Elnosa con representantes de CC.OO.
Integrantes do comité de empresa de Elnosa con representantes de CC.OO. / Mónica Patxot
As causas do ERE que presenta Elnosa /

"Non o esperabamos", afirma Avelino García, presidente do comité de empresa de Elnosa, despois de que a dirección de CUF, grupo portugués propietario da electroquímica de Lourizán, comunicase este xoves aos representantes dos traballadores a apertura dun expediente de regulación de emprego extintivo (ERE), que afectará a un mínimo de dez empregados dos 65 cos que conta actualmente de persoal.

A empresa xustifica esta decisión en causas produtivas e na inseguridade xurídica na que se atopa ao descoñecer que sucederá coa prórroga da concesión de Costas. O ERE comezará a negociarse a partir do 7 de decembro, segundo afirmaba o presidente do comité de empresa. Ao longo dun mes tentarán axustar o persoal da fábrica.

A directora dacloreira en Lourizán e dous altos cargos deCUF mantiñan un encontro este mesmo xoves con representantes da Xunta de Galicia en Santiago. Desde a administración autonómica garantíuselles que antes do 11 de decembro, a empresa contará coa licenza de Autorización Ambiental Integrada ( AAI), necesaria para que a fábrica continúe a súa actividade.

O 11 de decembro deixarán de producir cloro porque a Unión Europea lles prohibe a súa elaboración con mercurio pero a electroquímica ten previsto elaborar hipoclorito sódico a partir de mediados de xaneiro. Ata entón, os traballadores que continúan no persoal dedicaranse ao desmantelamento do sistema que utilizaban para elaborar o cloro.

A parte sindical tentará que nas negociacións do ERE se chegue a un acordo para que só se vexan afectados os traballadores de maior idade e poidan abandonar a empresa coas mellores condicións, indicaba Avelino García.

A empresa garantiu aos representantes da Xunta que ten intención de permanecer en Lourizán sempre que Costas lle conceda a autorización e non se atope con atrancos administrativos para manter a actividade industrial. 

NON RENOVACIÓN DE SUBCONTRATAS

A estes despedimentos que se negociarán no ERE hai que sumar 10 empregados de subcontratas, que este xoves terminaban o seu contrato con Elnosa e abandonaron o seu actual posto de traballo de mantemento nas instalacións. Segundo Comisións Obreiras, nalgúns casos eran empregados que levaban máis de dúas décadas prestando servizo na cloreira.

José Luis García Pedrosa, secretario de organización deste sindicato, lamentaba que o ERE se presente como extintivo e que non se busque unha suspensión temporal de contratos, en previsión de que se acometa o cambio tecnolóxico na fábrica se a Dirección Xeral de Costas concede a prórroga para que permaneza na actual localización. 

Neste sentido, Avelino García cualificou de "penoso" que Costas non se teña pronunciado aínda sobre a prórroga para garantir á empresa que lle autoriza a continuar en Lourizán a partir de xuño de 2018 e poida apostar pola instalación do sistema de membrana, autorizado pola Unión Europea, para seguir producindo cloro. 

Arquivado en