Este xoves producíanse diferentes accidentes nas estradas das Rías Baixas. Un deles rexistrábase en Noalla, no municipio de Sanxenxo, cando un vehículo se saía da calzada e impactaba contra un noiro dunha leira, á altura do Pazo de Quintáns, segundo informa o Concello de Sanxenxo.
A condutora, de nacionalidade alemá, resultou ferida como consecuencia do impacto. Segundo as mesmas fontes, inicialmente as contusións parecían leves, pero a condutora foi trasladada ao Hospital Montecelo para sometela a unha exploración máis detallada. Ata o lugar desprazábase a Policía Local.
COLISIÓN EN POIO
No municipio de Poio tamén se producía un accidente ao redor das 12.00 horas deste 7 de xullo. Axentes da Policía Local eran requiridos na estrada PO-308 á altura da avenida San Xoán debido a unha colisión por alcance entre tres turismos que circulaban en dirección a Pontevedra.
O suceso saldouse cunha persoa ferida leve e danos materiais nos vehículos. Como consecuencia do impacto producíase unha retención de tráfico na estrada ata que se retiraron os coches da calzada. O ferido foi trasladado polo 061 a un centro hospitalario, segundo informan desde a Policía Local de Poio.
SAÍDA DE VÍA DUNHA FORMIGONEIRA
O Servizo de Emerxencias do Concello de Cambados tamén tivo que intervir esta tarde nunha saída de vía na VG-4.3 no límite de Cambados con Vilanova de Arousa.
O vehículo, unha formigoneira, sufía a rotura dun pneumático. O condutor saíu ileso do contratempo. Na intervención tamén participaron axentes da Policia Local de Vilanova e a Garda Civil de Trafico.