As funerarias Alianza y Barros S.A. e Pompas Fúnebres Pontevedra S.L. interpuxeron ante o Xulgado do Contencioso Administrativo un recurso contra a paralización da concesión de licenzas para a construcción de crematorios durante un ano aprobada polo Concello capitalino.
A suspensión da concesión de licencias aprobouse no Pleno do Concello de Pontevedra do 22 de novembro de 2012 e entrou en vigor o 22 de decembro. Implica que ata decembro de 2013 non se darán permisos para de edificación para uso de forno crematorio en solo urbano, urbanizable-residencial, de núcleo rural do PXOM e nas proximidades das zonas residenciais.
No escrito presentado ante o órgano xudicial, as dúas funerarias solicitan paralelamente a suspensión cautelar daquel acordo da Corporación municipal e sosteñen, entre outras moitas cuestións, que carece de todo fundamento xurídico que sexa obxecto dunha decisión daquel tipo por parte do Concello, en tanto que a cremación se trata dunha actividade regulada nos campos urbanístico e sanitario a nivel estatal e autonómico, sen que se contemple restrición algunha respecto aos seus usos.
As funerarias demandantes consideran que a Administración local "non pretende reordenar o urbanismo da cidade, senón regular dun xeito monopolístico unha actividade liberalizada e restrinxir indebidamente a competencia permitindo de maneira inxustificada que en determinadas áreas poida desenvolverse e noutras non". "Estaríase incorrendo así en desviación de poder, é dicir, exercendo potestades administrativas para fins distintos aos fixados pola lexislación", critica.
Os denunciantes consideran que "non sería este o único vicio de ilegalidade no que caería o acordo plenario", senón que "tamén implicaría unha invasión de competencias por parte do Concello de Pontevedra, estaría restrinxindo o dereito a liberdade de elección da localización dos crematorios que as empresas funerarias teñen xa recoñecido ou resultaría contrario á Directiva de Servizos da CE".
Así mesmo, as empresas sustentan a súa solicitude de suspensión cautelar da decisión da Corporación na "relevancia dos prexuízos que a súa vixencia lles está a causar". Inciden en que nas reunións mantidas inicialmente con persoal do Concello de Pontevedra e da Xunta de Galicia se concluíu que o solar do antigo ximnasio Teucro, en canto solo urbano destinado a equipamento, era idóneo para a instalación de tanatorio-crematorio, e en que a memoria descritiva do proxecto reflectía a adecuación do mesmo á normativa urbanística.
"Se souberamos que o Concello ía alterar os criterios probablemente non tiveramos realizado a operación de compra do solar ao Colexio de Arquitectos"
Lembran, así mesmo, que antes de que se adoptara aquel acordo plenario xa iniciaran o procedemento de tramitación da correspondente licenza municipal, e ademais, outras compañías do sector tiñan presentado nos últimos anos abundante documentación para instalación de crematorios en diferentes localizacións sen que xurdiran obxeccións xurídicas, urbanísticas ou técnicas de relevancia.
"ÿ evidente que se souberamos que o Concello ía alterar, dun xeito claramente inxustificado, os criterios en canto á localización de fornos crematorios e dar lugar a unha limitación da actividade absolutamente incomprensible, probablemente non tiveramos realizado a operación de compra do solar ao Colexio de Arquitectos ou teríase levado adiante en termos moi diferentes", explican.
As empresas, que prestan servizo a aseguradoras do sector de decesos cun volume significativo de contratos na comarca, insisten tamén na "lexítima expectativa de boa parte da súa carteira de clientes de poder celebrar a cerimonia funeraria de cremación dun cadáver na súa cidade, ademais do obvio interese público da existencia desta opción en Pontevedra, cada vez máis demandada entre outras razóns por ter un custo inferior á tradicional inhumación".