As funerarias Alianza y Barros S.A. e Pompas Fúnebres Pontevedra S.L. manteñen o seu proxecto de construción dun crematorio nos terreos do antigo ximnasio Teucro, na avenida do Uruguai, "a pesar de constatar finalmente a veracidade do interese de Antón Louro por implantar e blindar un monopolio empresarial para a cremación de cadáveres en Pontevedra da man de Funespaña".
Así o anuncian nun comunicado de prensa na que adiantan que analizada a proposta municipal sobre a modificación puntual do PXOM para establecer e regular o uso de crematorio, as dúas compañías pontevedresas decidiron trasladar o seu contido ao bufete Deloitte Abogados, "para avaliar todas as vías posibles de defensa".
Aseguran que tras poñerse sobre a mesa unha posible regulación das áreas e distancias establecidas para promover un proxecto dese tipo "que abría a porta a que só saíra adiante o proxecto de Funespaña", Pompas Fúnebres e Alianza y Barros fixeron chegar ao Concello un informe xurídico que advertía da "presumible ilegalidade que podería implicar calquera tipo de trato de favor a unha iniciativa empresarial determinada".
Recordan que aquela fórmula, "no seu momento e con toda lóxica, foi descartada e enterrada pola Administración Local". E hoxe as dúas empresas "recoñecemos a nosa equivocación ao considerar que aquela primeira proposta xurdira dun simple erro e constatar a realidade do interese do tenente de alcalde por amparar e blindar un monopolio para a cremación en Pontevedra".
A "sorprendente posición" de Antón Louro non modifica a súa firmeza para manter o seu proxecto na finca situada entre as rúas do Arcebispo Malvar e Uruguai. Neste sentido, lembran que nas reunións mantidas inicialmente co persoal técnico do Concello de Pontevedra e da Xunta de Galicia se concluíu que ese terreo, en canto solo urbano destinado a equipamento, "era idóneo" para a instalación de tanatorio-crematorio, o que tamén se reflectía na memoria descritiva do propio proxecto.
Non obstante e ante a decisión municipal de suspender temporalmente as licenzas para crematorio, o pasado decembro presentaron no Concello o proxecto básico para a construción dun tanatorio na mesma parcela, "sen que aquilo implicara en absoluto renunciar ao crematorio".
Hoxe queren transmitir publicamente aos seus clientes, na súa condición de compañías que prestan servizo a aseguradoras do sector de decesos cun volume significativo de contratos na comarca, que van seguir traballando "para ofrecer unha alternativa ao monopolio que ampara Antón Louro, tanto cos proxectos que hoxe teñen en marcha como con novas opcións que poidan aparecer, co fin de evitar o previsible encarecemento do servizo que implicará que sexa Funespaña quen o preste en exclusiva".