Dous ingresos na UCI e 67 novos contaxios en área sanitaria, que volve superar a barreira dos 700 casos activos

Pontevedra
27 de outubro 2020

A cifra de hospitalizados positivos por coronavirus volve subir en Pontevedra e O Salnés con 51 pacientes, dos que 9 evolucionan na Unidade de Coidados Intensivos, dous máis que o luns

Situación da Covid na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés a 27 de outubro
Situación da Covid na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés a 27 de outubro / Servizo Galego de Saúde

Outra mala xornada na área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés no que respecta ao balance de afectados por Covid-19.

Segundo a información do Servizo Galego de Saúde, este martes 27 de outubro sumáronse 67 novos contaxios na área sanitaria, dos que todos menos un foron detectados mediante proba PCR. Estes datos, unidos ás 23 altas epidemiolóxicas rexistradas fixeron subir un día máis os casos activos ata superar a barreira dos 700. En concreto permanecen activos 727 casos, o que supón 44 máis que o luns.

O peor esta xornada é que ese aumento tivo influencia na presión hospitalaria, con dous pacientes máis ingresados na Unidade de Coidados Intensivos (UCI), que xa acolle a 9 afectados. O total de hospitalizados é 51, con 42 persoas ingresadas nunha planta hospitalaria entre o Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (36), o Hospital do Salnés (4) e o Hospital QuirónSalud Miguel Domínguez (2).

Desde o inicio da pandemia superaron a Covid 2.346 pacientes da área pontevedresa, rexistrándose 28 falecementos asociados ao virus segundo os datos oficiais.

En canto á realización de probas PCR, nas últimas 24 horas fixéronse 700, que se engaden ás 61.069 efectuadas con anterioridade.

A nivel autonómico, Galicia sumou 525 novos positivos, o que coloca a cifra de casos activos en 7.074 a día 27 de outubro, é dicir, 308 máis que a xornada anterior. Deles 401 (+12) atópanse ingresados en planta dos distintos hospitais e 58 (+3) en UCI.

En Galicia recibiron o alta desde o inicio da alerta sanitaria 25.804 (+219) e faleceron 880 persoas, 12 delas no último día.