Día das Redes Galegas: aprende como traballa un community manager

Pontevedra
10 de abril 2018

O próximo mércores 25 terá lugar, na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicacion, o Día das Redes Galegas. Un evento de entrada libre e gratuíta no que graduados da facultade reflexionarán sobre o uso das redes sociais no ámbito da comunicación

Facultade de Comunicación
Facultade de Comunicación

O vindeiro mércores 25 as redes sociais serán as protagonistas da xornada na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. O obxectivo do evento será poñer en valor a figura dos responsables de xestionar de forma profesional comunidades virtuais, facendo especial fincapé naqueles que se formaron na propia facultade.

Durante o Día das Redes Galegas reflexionarase, segundo publica Eduardo Muñiz no DUVI, sobre a importancia das redes sociais no ámbito da comunicación do século  XXI, así como sobre a figura do coñecido como community manager.

O acto, de entrada libre e gratuíto, manterá o formato de anos anteriores. Tras a inauguración, prevista para as 10.00 horas, darase paso a unha serie de conferencias impartidas por ex alumnos xa titulados da facultade. É o caso da directora de márketing de contidos e medios sociais de Eloxia, Lucía Gómez; Cristina García, responsable de comunicación e márketing dixital en Esmerarte Industrias Creativas e Jorge Medal, redactor e guionista de formatos televisivos.

Martínez Rolán: "Non podemos falar de redes sociais sen ter en conta a bidireccionalidade da comunicación"

O grupo de profesionais que reflexionarán sobre o uso das redes sociais nos distintos ámbitos da súa profesión complétao Cristina Rodríguez, técnica de normalización lingüística dá ANL (Área de Normalización Lingüística). No seu relatorio abordará a experiencia de Youtubeir@s, un proxecto promovido polos servizos de normalización lingüística das tres universidades galegas, entre outros organismos.

Despois de que os relatores deliberen sobre o mundo das redes e os seus propios proxectos, a xornada será clausurada cun coloquio bidireccional, moderado polo profesor Alberto Dafonte. Tamén se promoverá o debate sobre o desenvolvemento deste encontro, que será retransmitido por Uvigo TV, na rede social Twitter baixo o hashtag #redesgalegas. 

O organizador deste evento é o profesor Xavier Martínez Rolán, que destaca o dinamismo dun sector que, actualmente, supón unha saída laboral "moi puxante" e na que xa traballa un bo número de graduados da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación.