Deste tronco sairá un Apalpador de madeira, grazas á habilidade de Marcos Mariño e a súa motoserra

Soutomaior
08 de decembro 2023

A intervención do escultor de Arcade, que se desenvolve no Campo de San Bieito de Romariz, forma parte do programa das festas de Nadal no Concello de Soutomaior

Marcos Mariño traballa coa motoserra na escultura
Marcos Mariño traballa coa motoserra na escultura / Concello de Soutomaior

Este venres 8 de decembro, o escultor de Arcade, Marcos Mariño, coñecido popularmente tras triunfar no campionato internacional de talla de troncos en Alemaña, está a realizar unha exhibición coa creación da escultura con motoserra denominada 'O Apalpador en madeira'.

Durante esta xornada no Campo de San Bieito de Romariz, no Concello de Soutomaior, ofrecía sesións para que os visitantes comprobasen como executa este traballo de modelado dun tronco de árbore.

Durante o sábado continuará no mesmo lugar coa posibilidade de que as persoas interesadas miren a súa obra, entre as 11.00 e as 13.30 horas, e durante a tarde, entre as 15.00 e as 18.00 horas.

Esta actividade forma parte da programación 'O Nadal das Persoas', que promove o Concello de Soutomaior.

O sábado 16 de xaneiro, o escultor ofrecerá unha charla denominada 'O taller de Marcos Mariño', en Talo Río, en Arcade a partir das 18.30 horas. Durante esa sesión vai sortearse entre o público asistente unha peza artística.