Desestimado por "cuestións de forma" o recurso veciñal de Ponte Sampaio contra a planta de compostaxe de Canicouva

Pontevedra
13 de outubro 2015

A xunta de goberno local celebrada este martes acordou desestimar o recurso de reposición dos veciños ante a "ausencia de requisitos procedimentais imprescindibles", explicou o portavoz municipal, Raimundo González. É dicir, "non consta acreditada a identidade desa plataforma", por tanto carece de personalidade xurídica

Protestas dos veciños de Ponte Sampaio no Pleno pola planta de compost
Protestas dos veciños de Ponte Sampaio no Pleno pola planta de compost / Mónica Patxot

A reclamación administrativa contra o aluguer dos terreos de monte comunal na Canicouva presentada pola plataforma de veciños de Ponte Sampaio foi rexeitada polo Concello de Pontevedra por "cuestións de forma", entre outros motivos.

Estes terreos foran seleccionados para albergar a futura planta de compostaxe.

A xunta de goberno local celebrada este martes acordou desestimar o recurso de reposición dos veciños ante a "ausencia de requisitos procedimentais imprescindibles", explicou o portavoz municipal, Raimundo González. É dicir, "non consta acreditada a identidade desa plataforma", por tanto carece de personalidade xurídica.

Segundo Raimundo González, en cada escrito presentado por este colectivo figura un nome diferente, ademais a plataforma veciñal carece de rexistro na Xunta e tampouco ten CIF.

Segundo conclúen os informes técnicos municipais "ainda que entraramos a axuizar o fondo do asunto, procedería tamén o rexeitamento das alegacións formuladas no mesmo ao contar o procedimento previamente ao acordo impugnado con todos os informes preceptivos".

SITUACIÓN ACTUAL

O goberno local espera resolver neste mes de outubro a adxudicación aos comuneiros de Canicouva do aluguer dos 100.000 metros cadrados de monte para a citada planta de compostaxe.

Arquivado en