Descartados Reiriz, Verducido, Campañó e Silleda para acoller a planta de compostaxe

Pontevedra
21 de outubro 2014

Mosquera asegurou que os técnicos están a estudar "bastantes ofertas" e que outras foron descartadas

Vista aérea de Pontevedra
Vista aérea de Pontevedra /

O concelleiro de Ordenación do Territorio do Concello de Pontevedra, César Mosquera, descartou que a futura planta de compostaxe se vaia situar en terreos de Campañó, Verducido, Reiriz ou Silleda.

Mosquera asegurou que os técnicos están a estudar "bastantes ofertas" e que outras foron descartadas.

No caso da proposta feita por unha inmobiliaria de Silleda, a situación foi o motivo para o seu descarte xa que encarecería o custo do transporte do lixo orgánico.

O concelleiro nacionalista sinalou que todo o proceso de selección da localización da planta de compostaxe se está a facer con "discrección" mostrando a súa contrariedade pola actitude de "obstruír e frear o proceso" por parte dos socios de goberno, o PSOE pontevedrés, ao facer público a existencia destas propostas, "que están todas descartadas tecnicamente xa hai tempo", insistiu Mosquera.

Os motivos que fan non aptos a estas propostas son que os terreos do Riveiro, na parroquia de Campañó, "teñen manantiais de auga", os de Reiriz, na parroquia de Cerponzóns, ofrecidos por un particular, "están moi próximos ás casas" e os montes comunais de Verducido "porque non hai ningún terreo que cumpra medianamente ás condicións".

Mosquera saíu ao paso con esta información para calmar aos veciños destas parroquias que chaman o Concello para pedir máis información.

Arquivado en