Comisións Obreiras denuncia os "abusos" e a "discriminación" da empresa Acciona no Complexo Hospitalario de Pontevedra. A empresa concesionaria de limpeza non está a cumprir as condicións laborais establecidas no convenio colectivo e non está a cubrir as prazas vacantes nin as baixas, segundo o sindicato.
CC.OO expón que os empregados están ante unha situación de sobrecarga que repercute na calidade de traballo, sendo un tema delicado como é a limpeza dun hospital.
Acciona, segundo este sindicato, tampouco cobre as baixas que se producen, o que impide que se cumpran os descansos regulamentarios e haxa empregados que teñan que traballar case quince días seguidos "o que ademais de ilegal resulta inhumano".
Os representantes sindicais sinalan que Acciona tampouco cumpre coa creación de dúas listas de cobertura de domingos e festivos, que poden non chegar a cubrirse a causa de baixas de curta duración ou por días de asuntos particulares no Hospital Provincial e no Hospital Montecelo.
Por isto, CC.OO expón que ao non respectar esta medida o encargado da empresa, Alejandro Buján, asigna eses servizos de maneira "clientelar e discriminatoria".
A empresa concesionaria de limpeza tamén exerceu discriminacións de xénero, en canto a condicións salariais como condicións de traballo así como de asunción de postos de responsabilidade, afirma o sindicato.
O 90% do persoal son mulleres e non hai ningunha que teña un posto de responsabilidade nos hospitais, segundo Comisións Obreiras, e ademais Acciona non constitúe, conforme o artigo 47 do convenio colectivo, a comisión paritaria de igualdade de oportunidades no traballo.