Ao redor de trescentas persoas participaron este xoves na manifestación convocada pola plataforma Residuos Non de Ponte Sampaio contra a planta de compostaxe da Canicouva.
Eugenio Peón, voceiro da plataforma, explicou que a mobilización pretendía "facer un pouco de forza para parar unha inxustiza" e lamentou a escasa afluencia "porque Pontevedra non está sensibilizada" xa que "isto cáelle moi lonxe, A Canicouva non deben saber nin que é".
Este voceiro afirmou que a Comunidade de Montes da Canicouva “é moi fácil de dominar porque son 80 comuneiros” e asegurou que parte deles foron enganados e que aceptaron "por telas", en referencia ao diñeiro. "O máis triste do caso é que enfrontaron a dúas parroquias, e iso queda aí", indicou.
Peón Reguera non ocultou a súa decepción pola participación rexistrada: "claro que non estamos contentos coa xente que veu o que pasa é que a xente non se molla, hai moitos favores que pagar" e citou as obras da rede de sumidoiros ou o asfaltado de pistas "pero para min non son favores é a súa obrigación", reprochou.
A marcha partiu ás 20 horas dende a praza da Ferrería e concluíu na praza de España, unhas horas antes do inicio da campaña electoral das municipais, que esta plataforma vai respectar "e que falen ás urnas" e engadiu "e se a xente é masoquista, pois que tiren para adiante".