Debut regresa ao formato presencial con máis de 300 estilismos do alumnado de Esdemga

Pontevedra
10 de novembro 2021

A cita máis agardada para o alumnado dos Estudos Superiores en Deseño Téxtil e Moda de Galicia (Esdemga), a pasarela Debut 2021, terá lugar o vindeiro xoves 18 de novembro ás 20 horas no Recinto Feiral do Pazo da Cultura de Pontevedra

Carmen Fouces, Jorge Soto e Lola Dopico na presentación de Debut 2021 Mónica Patxot

A cita máis agardada para o alumnado dos Estudos Superiores en Deseño Téxtil e Moda de Galicia (Esdemga), a pasarela Debut 2021, terá lugar o vindeiro xoves 18 de novembro ás 20 horas no Recinto Feiral do Pazo da Cultura de Pontevedra.

"Que volva ao Pazo é unha volta á normalidade", manifestaba a concelleira de Cultura, Carmen Fouces, dado que na última edición, por motivo da pandemia, non houbo desfile con público e as coleccións do alumnado se difundiron de modo online ou a través de instalacións en escaparates da cidade ou no Edificio Castelao do Museo.

Na presentación do evento realizada na Casa das Campás, a directora de Esdemga, Lola Dopico, aludía tamén a esta circunstancia para xustificar o aumento do número de coleccións que se van presentar na pasarela de moda para dar cabida a aquela parte do exalumnado que non puido amosar o seu traballo de fin de estudos.

RÉCORD DE COLECCIÓNS

Serán 23 coleccións froito dos TFE (Traballo fin de Estudos) do alumnado de Esdemga e dos TFM (Traballo fin de Mestrado) do alumnado do Máster Universitario en Deseño e Dirección Creativa de Moda. Cada colección componse de ao redor de dez estilismos.

Nesta pasarela tamén haberá un pequeno espazo para o alumnado do primeiro curso do Mestrado, que achegará 22 coleccións de tres estilismos cada unha. Deste xeito, sumadas todas as propostas, Debut 2021 presentará máis de 300 estilismos.

Debut "é moito máis ca un desfile", manifestaba Jorge Soto, o vicerreitor do campus, que poñía o foco en que para o alumnado esta posta en escena será o paso ao mundo da empresa. Un contacto que se realizará a través de entrevistas con representantes dos departamentos de Recursos Humanos de grandes firmas de moda e a presenza dos membros do xurado que valorarán as coleccións presentadas na pasarela.

Este xurado estará formado por Tiziana Domínguez, directora creativa de Adolfo Domínguez; Olga Liggeri, directora xeral da revista Vanidad e fundadora de Virus Talents; Helena López de Hierro, directora do Museo del Traje de Madrid; e Celeste Chipperfield, consultora de moda.

As coleccións máis valoradas levarán premios en metálico que, segundo explicaba Lola Dopico, constitúen unha axuda importante porque son os propios egresados os que custean a elaboración dos deseños que presentan e esta axuda económica vai posibilitar que poidan mover as súas coleccións noutros mercados e pasarelas.

A firma Setga outorgará un premio de 3.000 euros ao mellor deseño e creatividade; a Xunta de Galicia, a través da marca Artesanía de Galicia, premiará con 1.500 euros á colección con maior valor artesanal; e a empresa Digipress Epson, especializada na impresión dixital de tecidos, dotará con 1.500 euros á colección que amose aplicacións innovadoras coa técnica de sublimación na impresión de tecidos.

As entradas para asistir ao desfile son gratuítas e poranse a disposición do público en breve, a través da páxina de Instagram de Esdemga. O aforo está destinado a 800 persoas, do que unha parte estará integrado por profesionais da moda, familiares do alumnado que presenta os seus traballos de remate de estudos e patrocinadores dalgunha das coleccións.

Paralelamente ao desfile, durante a mesma semana realizaranse entre a Casa das Campás e a Facultade de Belas Artes unha serie de conferencias e talleres destinados ao estudantado con artistas, deseñadores e artesáns que son referencia no sector.