As frías luces de neón da noite da rexión chinesa de Hong Kong foron a inspiración para a colección coa que a deseñadora Alba Vidal triunfou na décimo oitava edición da pasarela Debut.
Ata catorce novos titulados e tituladas no Máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda presentaron nela os seus proxectos de fin de estudos. Foi ante o milleiro de persoas que se achegaron ata o Recinto Feiral de Pontevedra para contemplar as súas creacións.
O xurado decidiu outorgar o primeiro premio a Aquellos ojos, o proxecto no que Vidal buscou recrear a través de tonalidades e texturas a atmosfera das películas de Wong Kar Wai.
Inspirada no tratamento da cor e das texturas que utiliza, a deseñadora experimentou cos materiais, tanto con téxtiles como con complementos, para dar forma á súa colección.
Debut 2024 tamén distinguiu co premio á colección con maior valor artesanal o proxecto de Jorge Hurtado, Carne y metal, un galardón que recoñeceu unha proposta inspirada nos procedementos cirúrxicos e en como estes permiten construír "segundas peles".
Xunto as coleccións premiadas, na velada puideron verse deseños que tiñan na memoria o seu punto de partida, como a que Alba Caballero articulou a partir dos elementos que permanecían nunha casa familiar deshabitada ou a que Silvia Colombo centrou na figura do seu avó.
Tamén Laura Vidales empregou o legado do seu avó, que traballou como proxectista naval, como punto de partida do seu proxecto, mentres que Mercedes Pereira homenaxeou ás mulleres de Krusha, que sobreviviron á Guerra de Kosovo, e Lula de Navasqüés reflexionou sobre a transformación das mulleres de clase alta estadounidenses na primeira metade do século XX.
Raúl Rodríguez Mena, pola súa banda, abordou o tránsito da nenez á idade adulta a partir do film Gummo, de Harmony Korine, mentres que a serie de animación Heidi serviu a Lucía González para conectar as paisaxes dos Alpes coa cultura visual xaponesa.
Rubén Mascato homenaxeou ao director teatral e dramaturgo esloveno Tomaz Pandur, co que traballara como actor, mentres que as cancións da banda surcoreana BTS e unha reinterpretación irónica do pensamento de Carl Jung e Sigmud Freud confluíron no proxecto de Luiselena Tilve.
A estas propostas sumáronse o proxecto co que Silvia G. María rendeu homenaxe ao grupo británico Radiohead ou a colección na que Clo Vicente descontextualiza a figura da bailarina clásica, conectándoa co punk. Por outra banda, o Camiño de Santiago e a ruta xaponesa do Kumano Kodo inspiraron as propostas que levou á pasarela Lorena Peitado.
Ademais destes traballos de fin de estudos, Debut completouse, como é habitual, cun segundo bloque, conformado por 26 coleccións realizadas polo estudantado durante o seu primeiro ano de formación no Máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda.
A súa directora, Lola Dopico, celebrou a "explosión de creatividade" mostrada polo estudantado e que nas coleccións levadas á pasarela puidesen atoparse "volumes desafiantes e proxectos desbordantes" que supuxeron unha "exploración de camiños" por parte dos deseñadores.
Unha das novidades de Debut 2024 foi a participación do estudantado do Grao en Deseño, en propostas como a creación dos paneis de presentación das coleccións.
Ademais outra das novas iniciativas é a exhibición ao público das coleccións mostradas en Debut, que se poden contemplar ata este domingo na sala de exposicións do Pazo da Cultura.