Dan licencia para dúas novas empresas no polígono da Reigosa: unha construtora e unha firma de distribución de gases medicinais

Ponte Caldelas
17 de maio 2016

 A Xunta de Goberno Local de Ponte Caldelas concedeu nas dúas últimas sesións licenzas de obra maior para a empresa construtora Planificación, Desarrollo y Gestión de Contrataciones S.A. (GPD) e para Inox+Promed, especializada en distribución de garrafas de gases medicinais e industriais

Parque empresarial de O Campiño - A Reigosa
Parque empresarial de O Campiño - A Reigosa / Concello de Ponte Caldelas

O polígono industrial da Reigosa poderá recibir dous novos veciños. A Xunta de Goberno local de Ponte Caldelas concedeu nas dúas últimas sesións licenzas de obra maior para a construtora Planificación, Desarrollo y Gestión de Contrataciones S.A. (GPD) e para a empresa Inox+Promed, especializada en distribución de garrafas de gases medicinais e industriais.

Segundo os datos facilitados polo alcalde, Andrés Díaz, entre as dúas farán un investimento próximo aos 400.000 euros e asentarán no municipio unha ducia de postos de traballo. Respecto diso, explicou que non se trata de traballadores de nova contratación, pois as empresas xa contan cos seus cadros de persoal, pero entende que é moi positivo que Ponte Caldelas se estea a converter en centro de traballo para un número cada vez maior de veciños doutros municipios.  

Os tres grupos políticos do goberno local (PSdeG-PSOE, BNG e AVP) apoiaron a concesión das licenzas e apostaron por seguir mantendo a política de incentivos para atraer actividade á Reigosa e contribuír así á creación de emprego.

A empresa Planificación, Desarrollo y Gestión de Contrataciones S.A prevé un investimento de 210.865 euros. Ocupará a parcela número 45, cunha superficie de 1.249 metros cadrados, onde vai levantar unha nave para almacén e oficinas dos seus servizos administrativos. A superficie total construída das novas instalacións será de 1.061 metros cadrados.

A firma Inox+Promed ocupará a parcela número 44, cunha superficie de 1.272 metros cadrados. A actividade consistirá na almacenaxe, recepción e distribución de garrafas de gases presurizados para usos medicinais e/ou industriais, ben presurizados, ben licuados ou disoltos. Prevé erguer unha nave cun total de 995 metros cadrados construídos para o almacén e unha oficina de recepción para os vehículos de distribución.  

Arquivado en