A preocupante situación que atravesa a bacía do Lérez pola falta de auga, que levou á Xunta de Galicia a decretar a situación de prealerta por "seca prolongada", fixo que o Concello de Pontevedra convocara un cume municipal pola auga.
A reunión está programada para o vindeiro martes 26 de xullo, ás doce e media da mañá, nas dependencias administrativas de Michelena 30.
A ela están convocados os municipios que se abastecen a través da traída en alta do Lérez, Marín, Poio, Sanxenxo e Bueu, para analizar a situación e adoptar medidas respecto diso.
Ese mesmo martes o goberno municipal de Pontevedra aprobará un plan de medidas excepcionais con motivo da situación derivada da seca.
Entre outras medidas, redactarase un bando coas restricións e limitacións estimadas pola entidade municipal co fin de facer un mellor uso e aproveitamento da auga.
O nivel do Lérez, lembran desde o Concello, está actualmente nuns parámetros preocupantes, ao estar por baixo do chamado caudal ecolóxico, o que obriga a realizar unha vixilancia constante desta situación.