Jorge Cubela, alcalde de Cerdedo-Cotobade, realizaba este mércores 20 de outubro un balance sobre as fusións municipais realizadas en Galicia durante a década pasada coa unión do seu municipio e tamén o que se levou a cabo, tres anos antes, en Oza-Cesures.
Na súa avaliación, o rexedor considera moi positivo o resultado da fusión realizada entre Cerdedo e Cotobade en outubro de 2016 e destacou o apoio recibido por parte da Xunta de Galicia ao apostar pola "optimización de recursos". Agora, explicou, estas experiencias serven de exemplo para outras localidades do resto do Estado.
No quinto aniversario da unión entre os dous municipios, Cubela lamenta que no seu momento non recibise apoio de cargos socialistas, tanto institucionais como orgánicos, para acometer o proceso, cando agora o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, apoia a iniciativa dos municipios estremeños de Villanueva de la Serena e Don Benito na mesma liña. Entende que estas localidades están a tomar como exemplo a iniciativa que Galicia puxo en marcha en 2013 e en 2016.
Cubela animou tamén a outros concellos de Galicia, sobre todo os de menor poboación e orzamento, a dar este paso ao entender que o seu futuro será mellor e contarán co apoio do goberno da Xunta.
O alcalde destacou que a fusión foi un "éxito" e permitiu que o municipio incrementara en preto dun 50% o seu orzamento, que prestara servizos de forma máis eficiente e que aforrara gastos de persoal e en contratos de servizos. Ademais, engadiu, aumentaron os investimentos e mellorou a calidade de vida da cidadanía.