Costas asegura non ter "ningunha constancia" do proxecto para ampliar a depuradora

Pontevedra
15 de outubro 2018

Así llo trasladou a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, a unha representación das entidades veciñais de Praceres. Asegura que na dirección xeral de Sostenibilidade da Costa, o órgano ao que lle corresponde outorgar os permisos para ocupar terreos de dominio público marítimo terrestre, non saben nada desta ampliación

Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) dos Praceres
Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) dos Praceres

O Goberno central, que como responsable de Costas tería que autorizar a ampliación da depuradora dos Praceres cara os terreos do antigo campo de fútbol, asegura non ter "ningunha constancia" de este proxecto, impulsado por Augas de Galicia.

Así llo trasladou a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, a unha representación das entidades veciñais de Praceres. Asegura que na dirección xeral de Sustentabilidade da Costa, o órgano ao que lle corresponde outorgar os permisos para ocupar terreos de dominio público marítimo terrestre, non saben nada desta ampliación.

Con todo, Larriba explicou que xa transmitiu á actual directora xeral, Ana Oñoro, o rexeitamento das forzas políticas de Pontevedra e da veciñanza de Praceres á ampliación da actual EDAR, entre outros temas.

"Hoxe mesmo remitín o acordo do pleno municipal de Pontevedra, de todas as forzas, polo que mostran o seu rexeitamento a esta presunta ampliación", destacou a subdelegada, que se comprometeu a estar "vixiante" e a manter unha vía de diálogo "aberto e sincero" cos veciños.

Desde a plataforma que rexeita a ampliación da depuradora, pola súa banda, explicáronlle á subdelegada que non se opoñen a actual depuradora pero si a unha ampliación que suporía para a parroquia unha nova agresión medioambiental.

Igualmente transmitíronlle a súa preocupación polo proxecto dun novo emisario, anunciado por Augas de Galicia, que podería ser o primeiro paso da nova depuradora.