As obras da autovía A-57, que circunvalará Pontevedra, obrigarán a cortar o tráfico da estrada provincial EP-0004 Marcón-Pintos-A Reigosa de forma puntual este martes día 22 e o mércores día 23, entre as 8 e as 13 horas e as 14,30 e as 19.00 horas.
Segundo advertiu a empresa construtora, os cortes débense á instalación de vigas e prelousas no van do viaduto que discorre por riba da vía da Deputación.
Estes traballos realízanse logo de terse restablecido o tráfico na EP-0004 despois de que a adxudicataria da A-57 modificase a traza da vía provincial construíndoa dende cero desviada lixeiramente cara á esquerda, baixando tamén a súa cota e eliminando dúas curvas.
A reconstrución da estrada debíase a que, co novo viaduto, a pista da Deputación quedaría sen o gálibo suficiente para manter o tránsito rodado no punto 1+300. A nova ponte da A-57, de 105 metros de lonxitude, 3,5 metros por carril e tres vans, tamén salva o río Pintos.
O corte que se realizará o martes e o mércores estará convenientemente sinalizado, ademais de dispoñer dunha persoa advertindo da incidencia ao inicio da vía. Os vehículos que van ao polígono do Campiño terán acceso unicamente pola PO-532.