Convocan unha protesta este venres para pedir a Lores a retirada da denuncia contra o traballador de ENCE e unha nova reunión da Mesa

Pontevedra
15 de decembro 2021

Comisiones Obreras de Ence, empresas auxiliares e sector forestal anunciaron que este venres 17 levarán a cabo unha protesta ás 11.00 horas desde o Hospital Provincial con parada ante o Concello de Pontevedra para reclamar ao alcalde que retire a denuncia contra o traballador Ramiro Cerdeira e finalizará na Subdelegación do Goberno pedindo unha nova xuntanza para tratar unicamente a adscrición dos terreos que ocupa Ence ao Porto de Marín

Damián Souto, Antonio Taboada, Ana Cedeira e Óscar Fontecova
Damián Souto, Antonio Taboada, Ana Cedeira e Óscar Fontecova / Mónica Patxot

Comisiones Obreras sairá outra vez á rúa en defensa dos postos de traballo de Ence, segundo anunciaba este mércores Ana Cedeira, presidenta do comité de oficinas centrais da factoría. A convocatoria será este venres ás 11.00 horas. Partirá do Hospital Provincial para dirixirse ao Concello de Pontevedra e finalizará na Subdelegación do Goberno.

No Concello pedirán ao alcalde Miguel Anxo Fernández Lores que retire a denuncia presentada contra o traballador Ramiro Cerdeira, integrante de CCOO no comité de empresa de fábrica, ao que Fiscalía lle pide un ano de prisión por golpear o coche do rexedor despois de protagonizar con outros traballadores un peche en dependencias municipais. Ana Cedeira considera que a denuncia é un "desprezo, insulto y derribo" contra os traballadores de Ence en Pontevedra. 

A representante sindical pronunciou un "ya basta" dirixido ao alcalde e aos representantes do goberno local que utilizan o "insulto" de Ence- Borroka ao cualificar as protestas que realiza o persoal da empresa "que defende o seu posto de traballo". Cedeira insiste en que Fernández Lores é o culpable da actual situación ao acudir á Audiencia Nacional, que finalmente sentenciou en contra da prórroga concedida polo goberno de Mariano Rajoy para que Ence permanecese en Lourizán.

A continuación, os participantes trasladaranse ata a Subdelegación do Goberno para demandan unha nova convocatoria da Mesa de Diálogo pero cun único tema: a adscrición ao porto de Marín dos terreos que ocupa Ence actualmente. Ana Cedeira asegura que non están dispostos a que se fale doutras opcións porque "a alternativa é o peche".

Durante o mes de xaneiro, a fábrica realizará a súa habitual parada técnica e, por este motivo, non levarán a cabo protestas organizadas por CCOO, indicou a presidenta do comité de empresa en oficinas centrais. O 4 de febreiro realizarán outra marcha desde a factoría ata a Autoridade Portuaria para agradecer que este organismo público haxa iniciado os trámites para demandar que os terreos onde se atopa Ence pasen a formar parte do porto.

Estas mobilizacións contan co respaldo dos representantes deste sindicato no comité de empresa da fábrica, no sector forestal e nas empresas auxiliares. Antonio Taboada, portavoz de SEFORCEL (Sociedade para o Emprego Forestal, Rural e Industrial da Celulosa), reclama ao Goberno central que acelere o proceso para que se poida facer efectivo ese paso dos terreos ao porto.

Sosteñen a súa esperanza nos sete recursos de casación presentados ante o Tribunal Supremo contra as tres sentencias da Audiencia Nacional que consideran ilegal a prórroga de Ence. Os representantes de Comisiones Obreras entenden que o Consello Consultivo ampara que, se os terreos pasan á Autoridade Portuaria, Ence xa non se atoparía regulada pola Lei de Costas senón pola Lei de Portos do Estado.

Insisten en que a solución para Ence é política. Taboada afirma que o Porto de Marín carece de espazos suficientes para a actividade portuaria e por iso solicitan a incorporación dos terreos. Alega que pechar Ence coa porcentaxe elevada de actividade que mantén co Porto de Marín carecería de sentido cando é unha empresa rendible. Por este motivo, insisten en que se convoque esa nova Mesa de Diálogo canto antes e que o Ministerio de Transición Ecolóxica realice movementos que garantan a continuidade dos postos de traballo da fábrica en Lourizán.

Arquivado en