O Concello de Ponte Caldelas bonificará cun 50% no Imposto de Construcións, Instalacións e Obras (ICIO) á empresa Egasen, ata agora dedicada á importación de motores eléctricos e redutores industriais. A firma está a piques de iniciar as obras dunha planta de produción propia no polígono da Reigosa que pretende poñer en marcha a finais deste ano.
A fábrica de redutores suporá un investimento que está en torno aos 700.000 euros e xerará paulatinamente uns 10 postos de traballo entre persoal de comercio exterior, operarios, administrativos, atención ao público e almacén. O protocolo de bonificación fiscal, que foi asinado polo alcalde, Andrés Díaz, e o xerente de Egasen, Juan José Barreiro, será aprobado no pleno ordinario deste xoves.
A idea dos responsables de Egasen (Electro Gálvez y Senebre S.L.), tras 28 anos de vida empresarial e un perfecto coñecemento do sector e o produto, é fabricar este tipo de equipos industriais á carta, adaptándose ás necesidades do cliente. O seu plan de empresa céntrase inicialmente no mercado latinoamericano e portugués, apostando pola xestión da calidade dende o selo de fabricación na Unión Europea. Competirá así con garantías co produto estándar importado de países como China ou Turquía.
O Concello caldelán, gobernado pola coalición formada por PSdeG-PSOE, AVP e BNG, mantén a súa política fiscal coas empresas do polígono da Reigosa, esixindo a contratación de veciños de Ponte Caldelas, o que está a producir excelentes resultados.
Andrés Díaz destacou a iniciativa desta empresa, que decidiu ir contracorrente no proceso de globalización, traendo para Ponte Caldelas a fabricación dun produto que normalmente chega de países con man de obra barata. O alcalde destacou a importancia de localizar os procesos produtivos, contribuíndo a unha economía máis real, baseada na produción de bens e servizos de alta calidade a partir da contratación de persoal cualificado.
Egasen adquiriu unha parcela de 2.700 metros cadrados no polígono da Reigosa, onde vai erguer unha nave duns 1.500 metros cadrados construídos para acoller a súa nova actividade industrial, complementando así a súa faceta importadora-comercializadora.
Os redutores son sistemas industriais que se encaixan aos motores eléctricos e serven para reducir velocidade e incrementar potencia. Utilízanse nunha gran variedade de procesos de fabricación en cadea, con especial aplicación a todo tipo de cintas transportadoras, tan habituais nas industria da automoción ou na conserveira. Tamén son imprescindibles en maquinaria de corte de pedra ou madeira, entre outras moitas.