As Confrarías do interior da Ría de Pontevedra e a Asociación Pola Defensa da Ría (APDR) veñen de remitir un escrito á Dirección Xeral de Política Rexional e Urbana da Unión Europea reafirmándose na súa denuncia de utilización fraudulenta de fondos comunitarios nos recheos do Porto de Marín.
A denuncia está apoiada polas confrarías San Telmo de Pontevedra, San Andrés de Lourizán e San Gregorio de Raxó e reafírmase na xa presentada no ano 2009, na medida en que estes fondos estruturais se utilizaron para a realización de recheos no Porto de Marín provocando un grave dano ao medio ambiente e aos recursos naturais e polo tanto á economía da zona interna da Ría de Pontevedra.
Sinalan que ese dano, en cuestión de postos de traballo, tense cifrado na perda de máis de 400 co que isto supón de perda de riqueza e de beneficios sociais.
Os denunciantes sosteñen que este uso de fondos FEDER para provocar danos ambientais e perda de postos de traballo é contrario ao regulamento que rixe o reparto dos mesmos que explícitamente esixe que que non se financien obras que impliquen estes danos ambientais e sociais.