Concentración do comité de Ence para reclamar investimentos na fábrica e garantía dos postos de traballo

Pontevedra
25 de marzo 2022

Neste acto reivindicativo que se desenvolvía nas instalacións de Lourizán tamén se reclamaba á dirección da empresa pasteira que garanta o futuro laboral do conxunto dos tralladores da factoría situada na ría de Pontevedra

Concentración do comité de empresa de Ence este xoves 24 de marzo
Concentración do comité de empresa de Ence este xoves 24 de marzo / Comité de empresa de fábrica de Ence

Persoal da fábrica de Ence concentrábase este xoves 24 fronte ás oficinas da factoría durante o cambio de quenda de mañá e tarde. A protesta convocada polo comité de empresa de fábrica forma parte das accións convocadas para reclamar investimentos na factoría por parte da dirección e un posicionamento por parte da empresa que garanta a continuidade dos postos de traballo.

Precisamente este xoves, o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, manifestaba en Pontevedra que observa "bastantes posibilidades" de que o Tribunal Supremo sentencie a favor de manter a actividade da fábrica de Ence en Pontevedra como consecuencia do impacto económico e social que provocaría o peche da empresa pasteira.

Ademais, este venres estaba prevista a mobilización entre a fábrica e o Porto de Marín a favor da continuidade de Ence en Lourizán. Pero debido á grave situación económica xerada no sector loxístico e forestal, que contan con gran representación nestas accións reivindicativas, provocou que as agrupacións convocantes decidiran suspender esta marcha para que os integrantes destes colectivos acudan neste 25 de marzo a Madrid á manifestación convocada diante do Ministerio de Transportes para demandar unha solución aos problemas relacionados co incremento dos custos enerxéticos.

Trátase da segunda ocasión en que esta marcha é suspendida, xa que a súa primeira convocatoria coincidiu coa traxedia derivada do afundimento do barco 'Villa de Pitanxo'. A sección sindical de CC.OO. no Grupo Ence, empresas auxiliares e do sector forestal, así como o comité de oficinas centrais anuncian que a mobilización levará a cabo proximamente, en data por determinar, á espera de que poidan participar todos os integrantes destas agrupacións para esixir a permanencia da fábrica en Lourizán. Estes colectivos apostan pola adscrición dos terreos que actualmente ocupa Ence ao Porto de Marín.

En sentido contrario, este sábado 26, a partir das 12.00 horas, Ecoloxistas en Acción Vigo-Rías Baixas, realizarán unha acción conxunta na praza da Peregrina con pegada de carteis no centro de Pontevedra para reclamar a saída da fábrica de Ence da ría e o dereito ao futuro.

Arquivado en