Comisións Obreiras critica a pintada insultante ao xefe das brigadas e xustifica chamar "mentiroso" a Mosquera

Pontevedra
04 de maio 2016

O secretario comarcal de Comisións Obreiras, José Luis García Pedrosa, compareceu este mércores en rolda de prensa para "saír ao paso" das declaracións "absolutamente desmedidas" da Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, sobre as pintadas insultantes aparecidas en relación co Parque de Maquinaria

José Luis García Pedrosa, Secretario Comarcal de Comisións Obreiras
José Luis García Pedrosa, Secretario Comarcal de Comisións Obreiras / Mónica Patxot

O secretario comarcal de Comisións Obreiras, José Luis García Pedrosa, compareceu este mércores en rolda de prensa para "saír ao paso" das declaracións "absolutamente desmedidas" da presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, sobre as pintadas insultantes aparecidas en relación co Parque de Maquinaria.

García Pedrosa rexeitou que en Comisións Obreiras sexan "uns fascistas porque xustificamos que se fagan pintadas" e apuntou que "desde que existen opresores e oprimidos" producíronse "este tipo de protestas" e puntualizou que "nós non defendemos todo tipo de pintadas".

Neste sentido, rexeitou as pintadas alusivas a un "traballador" en referencia ao novo xefe das brigadas provinciais, algo que considera un "erro importante" xa que "non ten responsabilidade no conflito que hai entre o vicepresidente da Deputación e os traballadores do Parque de Maquinaria".

En todo caso cre que esta actuación sería un delito leve "pola aprobación da Lei Mordaza coa que o Partido Socialista, o BNG e Comisións Obreiras, estamos en contra". Por esta razón, criticou que a presidenta Carmela Silva queira derrogar esta lei "e despois a utilice cando lle interesa persoalmente".

Ademais García Pedrosa afirmou que o que din as pintadas sobre Mosquera é "absolutamente certo" xa que "Mosquera é un mentiroso porque da uns datos sobre as nóminas dos traballadores que son falsos", xa que unha parte dos ingresos dos traballadores non son exactamente salario xa que se corresponden coas dietas, quilometraxe e outros conceptos, segundo sostivo. "Non se pode ter esta actitude de provocación cos traballadores", do Parque de Maquinaria "e logo imos poñerlles un bozal para que non protesten", lamentou Pedrosa.

Este responsable sindical cre que o goberno provincial está "a vulnerar o dereito de negociación" ao "modificar substancialmente" as condicións de traballo "sen respectar a legalidade vixente".

García Pedrosa tamén mostrou a súa "sorpresa" co PSOE e o BNG porque "a pesar de situarse na súa contra", aplican a reforma laboral "sen cortarse nin un pelo".

Comisións Obreiras reiterou o seu ofrecemento de diálogo á vez que asume que o Parque de Maquinaria de Pontevedra é "un oasis nun deserto" xa que no resto de España este tipo de servizos no resto de deputacións e comunidades autónomas foron privatizados, unha circunstancia que vinculou á defensa que este sindicato leva facendo.

Finalmente García Pedrosa vinculou esta conflitividade persoalmente á xestión de César Mosquera a quen tamén responsabilizou do clima de confrontación que se viviu no Concello de Pontevedra e que agora "desde que Mosquera deixou de ter presenza na política de persoal do concello a situación laboral está absolutamente normalizada", concluíu.

Arquivado en