Comisións Obreiras acusa á Deputación de "buscar o deterioro" dalgúns servizos para "xustificar a súa privatización"

Pontevedra
23 de decembro 2015

"Ante a falta de negociación para o Orzamento do ano 2016", o sindicato Comisións Obreiras, maioritario na Deputación de Pontevedra, presentou alegacións aos presupostos da Administración provincial

Comisións Obreiras acusa á Deputación de "buscar o deterioro" dalgúns servizos
Comisións Obreiras acusa á Deputación de "buscar o deterioro" dalgúns servizos

"Ante a falta de negociación para o Orzamento do ano 2016", o sindicato Comisións Obreiras, maioritario na Deputación de Pontevedra, presentou alegacións aos presupostos da Administración provincial.

Segundo resumiu o secretario da Sección Sindical de Comisións Obreiras as súas propostas perseguen que os servizos que presta a Deputación "non perdan viabilidade" polo que solicitan que se modifiquen as partidas coas cantidades "suficientes" para poder prestar servizo con "prontitude e axilidade".

Comisións Obreiras entende que o goberno provincial "busca o deterioro" de algúns servizos, como o Parque de Maquinaria, para que se fagan "inoperativos" e poder "xustificar a súa privatización".

"Minten cando dín que apostan polos servizos públicos", asegurou Ramón Piñeiro.

Como exemplos desta tese citan a situación do Parque de Maquinaria e a Imprenta provincial cuxas instalacións abandonarán en dous anos o seu actual emprazamento na Xunqueira de Alba, segundo se comprometeron no Pleno o PSOE e o BNG, coa abstención do PP. "Mais non buscaron unha solución concreta para estes servizos", sinala Piñeiro tras lamentar que se sigan amortizando postos de traballo ou que se estea "desmantelando" a planta de fabricación de aglomerado.

"Isto fomenta de maneira directa a entrada á empresa privada e un intento descarado de ir a unha gradual externalización coa finalidade da privatización do servizo", afirman desde Comisións Obreiras.

En relación á Cidade Infantil Príncipe Felipe solicitan a creación dun Centro de residencia semanal e unha Unidade de vida independente, para reforzar a autonomía dos adolescentes internos para que, unha vez que deixen o centro, poidan valerse por si mesmos.

Arquivado en