Comezan en Sevilla e Bilbao os workshops turísticos para dar a coñecer o destino Rías Baixas

Pontevedra
19 de outubro 2022

A Sala Metropol-Setas de Sevilla acolle esta tarde a unha trintena de empresas e entidades da provincia que manterán encontros con firmas andaluzas. O xoves desprazaranse ao Yimby Bilbao Ercilla co mesmo obxectivo

Representantes do tecido turístico das Rías Baixas participan nun workshop en Sevilla
Representantes do tecido turístico das Rías Baixas participan nun workshop en Sevilla / Deputación de Pontevedra

Máis de trinta empresas e entidades do sector turístico da provincia, coa presenza do Cluster de Turismo e capitaneadas pola Deputación de Pontevedra desembarcaron este mércores en Sevilla para o primeiro dos workshops con empresas andaluzas co obxectivo de fomentar a desestacionalización, competitividade do destino e incrementar a captación de visitantes en mercados emisores de interese para Rías Baixas.

A icónica Sala Metropol-Setas de Sevilla concentrará esta tarde os encontros e a presentación dos atractivos turísticos da provincia que continuarán o xoves no Yimby Bilbao Ercilla. Prevense reunións de negocio con máis de 160 firmas andaluzas e vascas.

Tanto en Sevilla como en Bilbao a xornada presenta o mesmo formato, comezando ás 19.45 horas coas reunións de networking profesional entre as máis de trinta empresas e entidades da provincia e as máis de 160 maioristas e comercializadoras andaluzas e vascas para pechar negocios turísticos.

A continuación, terá lugar a presentación do destino Rías Baixas, onde se amosará a ampla oferta, tanto de costa como de interior, da provincia de Pontevedra. Acompañará a presentación de destino a música da artista pontevedresa Cora Velasco e unha degustación de produtos das denominacións de orixe da provincia a cargo do chef do Niño Corvo Adrián Albino. Presentará o evento Rocío Delgado, xornalista viguesa que traballa no eido televisivo estatal.

A delegación provincial desprazada a Sevilla e Bilbao está integrada por empresas que representan todos os sectores relacionados co turismo, dende hoteis a axencias receptivas, adegas, casas de turismo rural, empresas de aluguer de barcos a motor e vela, ademais da Ruta do Viño Rías Baixas, do Museo de Pontevedra e os castelos de Soutomaior e Sobroso. Participan entidades de Bueu, Cambados, A Estrada, Meaño, Oia, Poio, Pontecesures, Pontevedra, O Rosal, Sanxenxo, Vigo, Vilaboa e Vilagarcía.

Cos workshops, enmarcados no Plan Estratéxico de Turismo 2021-2023, a Deputación tense convertido na única administración provincial galega que realiza estas exitosas actividades de promoción e comercialización do destino. Se o pasado ano tiveron lugar en Madrid e Valencia, nesta ocasión foron seleccionadas Sevilla e Bilbao por ser mercados de interese para a provincia, cun forte consumo de cultura e enogastronomía.