Comezan as obras de abastecemento e saneamento nun tramo do paseo de Silgar

Sanxenxo
11 de abril 2018

O Concello de Sanxenxo iniciou, esta semana, as obras de mellora da rede de abastecemento de auga e saneamento de fluidos residuais nun tramo do paseo de Silgar, co obxectivo de garantir o seu correcto funcionamento e dotar á zona de infraestruturas básicas

Esta semana comezaron as obras na rede de augas do paseo de Silgar
Esta semana comezaron as obras na rede de augas do paseo de Silgar / Concello de Sanxenxo

O Concello de Sanxenxo puxo en marcha esta semana os labores de acondicionamento da rede de abastecemento de auga nun tramo do paseo de Silgar, así como a de saneamento de fluídos residuais. Unha obra necesaria tendo en conta as condicións actuais da rede na zona de actuación.

Un dos tramos da rede urbana de auga e saneamento esgotou a súa vida útil de funcionamento, e o seu estado nestes momentos é precario segundo apunta o goberno local, motivo polo que xa iniciou os traballos necesarios para garantir o correcto funcionamento da devandita rede.

A actuación neste tramo do paseo de Silgar conta cun orzamento de 45.600 euros, financiados con fondos propios municipais. Silgar non será a única zona de intervención en canto á mellora da rede de saneamento de augas residuais.

A día de hoxe, existen varios puntos do municipio que carecen do servizo básico de abastecemento de auga. O goberno expresou a súa intención de levar a cabo todas as actuacións necesarias para dotar a estes puntos dun servizo e unhas infraestruturas en condicións.