A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) comeza unha campaña de recadación baixo o lema 'Salva o Lérez. Stop A-57'en colaboración coa plataforma de persoas afectadas polo proxecto de construción da A-57 no tramo A Ermida-Pilarteiros, que afecta as parroquias pontevedresas de Xeve e Bora.
Belén Rodríguez, secretaria executiva de ADEGA, manifestaba este xoves que o obxectivo marcado é obter 9.500 euros no prazo de dous meses para interpoñer o recurso contencioso-administrativo ante a Audiencia Nacional contra a autorización dese novo proxecto. Ademais, precisan elaborar un estudo ambiental que permita solicitar a paralización cautelar das obras deste tramo da autovía que promove o Ministerio de Transportes.
Rodríguez argumentou que este trazado, que afecta a 6.000 metros cadrados, é especialmente "agresivo" tanto polo seu impacto ambiental sobre o territorio como sobre a rede natura do río Lérez onde se atopan hábitats e especies de especial interese para a Unión Europea. Indicou que afecta a carballeiras atlánticas, bosques de ribeira protexidos, mexillóns e toupas de río. Tamén citou especies de cogomelos que non se rexistran noutras áreas, entre outros elementos de flora endémica.
Explicou que a base do recurso que se quere presentar ante a Audiencia Nacional vai centrarse na ausencia de utilidade social e pública desta infraestrutura, que nas últimas dúas décadas sufriu "tantas modificacións" que perdeu a súa intención inicial de converterse na Autovía do Atlántico unindo A Coruña con Ponteareas.
Sinala tamén que a obra "non serve como circunvalación" de Pontevedra ao entender que duplica a AP-9 e propón como alternativa a liberación de peaxe á autoestrada na contorna da cidade para facilitar os desprazamentos. Apuntaba a representante da asociación que este proxecto vai en contra das directrices europeas de emerxencia climática, que favorecen o transporte público e non o motorizado e individual por estrada. "Carece de sentido duplicar habendo unha vía de alta capacidade", defende Rodríguez.
Tamén considera que existe unha "fraude de lei" xa que o Ministerio de Transportes tramita de forma separada diferentes tramos en contra da normativa vixente de avaliación ambiental. "As administracións públicas deben sometelos no seu conxunto, non treito por treito", explica Belén Rodríguez, na mesma liña argumental na que ADEGA logrou paralizar xudicialmente numerosos proxectos eólicos. "Temos case un 100% de seguridade de que o proxecto vai sufrir un freo", avanzou baseándose na fragmentación artificial da infraestrutura.
"Temos case un 100% de seguridade de que o proxecto vai sufrir un freo"
Estela Eirín e María del Carmen Tenorio, representantes da Plataforma de persoas afectadas polo proxecto da Autovía A-57 lembraron as consecuencias que tería a autovía para as parroquias de Bora e Xeve dividíndoas, "con niveis de ruído insoportables e ilegais" e con risco de seguridade viaria no caso do colexio de Santo André de Xeve.
Insisten en que a construción supoñería un muro para o futuro crecemento de Pontevedra pola zona leste. Piden o apoio da cidadanía pontevedresa para protexer o territorio e evitar danos ambientais. Estela Eirín advertiu de que Pontevedra bebe do río Lérez do mesmo xeito que outros concellos limítrofes e que as obras provocarían desprendementos que terminarían afectando o río.
Reclaman tamén aos representantes políticos nas distintas administracións que "cumpran cos compromisos" adquiridos en campaña electoral e que se impliquen. Seguen reclamando un encontro con Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, e con Abel Losada, subdelegado do Goberno.
Este domingo 17 trasladarán as súas reivindicacións á exposición da Camelia que organiza a asociación de Santa María de Xeve coa intención de sensibilizar á cidadanía.
As persoas interesadas en colaborar coa campaña para presentar o recurso ante a Audiencia Nacional deberán acceder á plataforma en liña https://adega.helpbysc.com/stopa57