Cinco terreos cedidos polos seus propietarios en Costa de Abaixo, Cela, o Camiño Real e A Pinela, serán habilitados como aparcamentos para solucionar os problemas de estacionamento que se rexistran en Combarro, sobre todo nos meses estivais.
A través deste plan, o goberno municipal de Poio prevé habilitar unhas 160 prazas de nova creación, repartidas entre os máis de 6.000 metros cadrados que se destinarán a este servizo.
A metade das prazas, segundo explicaron este xoves o alcalde de Poio, Luciano Sobral, e a concelleira de Seguridade Cidadá, Marga Caldas, serán en tres espazos situados na Costa de Abaixo, no Camiño Real e entre Cela e Padrón.
Será nestes puntos onde se habiliten as prazas para as persoas residentes no centro de Combarro, que serán dun máximo de 24 horas de permanencia, para garantir a súa rotación.
A Policía Local será a encargada de velar pola correcta utilización destes aparcadoiros.
Sobral agradeceu a predisposición das persoas propietarias das parcelas á hora de acadar un acordo, que permitirá garantir estes aparcadoiros para a veciñanza.
Ademais, de cara ao futuro o Concello tamén prevé repetir medidas como a de dotar como prazas para residentes, de xeito temporal, espazos na Baixada á Chousa e na Rúa Maceira, só durante a tempada estival para compensar a carencia de estacionamentos.
A maiores destes tres aparcamentos para residentes, o goberno municipal chegou a un acordo co Mosteiro de Poio para a cesión de dúas parcelas na Pinela, que suman preto de 3.5000 metros cadrados, e que se destinará a aparcadoiro libre.
Marga Caldas recordou que, xunto con estes estacionamentos, o Concello xa ten redactado un proxecto para habilitar outras 25 prazas a maiores, tamén para residentes na parcela que ocupaba o parque situado no Paseo das Redeiras. Só falta a autorización de Costas.
O mesmo sucede, segundo a edil do BNG, para poder conseguir a xestión municipal das prazas que xa existen noutro espazo situado no paseo que une A Chousa co peirao da Canteira.
Tanto o alcalde como a edil de Seguridade Cidadá garantiron que continuarán as xestións para continuar ampliando prazas e garantindo estacionamento para persoas residentes, de cara a unha mobilidade sostible na contorna do núcleo de Combarro.
Neste sentido, Luciano Sobral adiantou que o Concello está en conversas co Arcebispado para poder habilitar outra zona de aparcadoiros na parcela que actualmente ocupan as ruínas do antigo cine, a carón da igrexa, que permitiría gañar ata 50 prazas máis.