Colmenares sostén que o fallo do Supremo sobre ENCE é "definitivo" e non se poderá recorrer

Pontevedra
09 de febreiro 2023

Segundo explicou, aínda que os colectivos contrarios á permanencia da planta na ría de Pontevedra poden tentar levar o fallo ao Tribunal Constitucional ou a instancias europeas, os representantes legais de Ence "están seguros" de que non hai forma de recorrer. A pesar diso, avogou por abrir un diálogo con todos os actores sociais da zona

Ignacio de Colmenares, presidente do Grupo Ence
Ignacio de Colmenares, presidente do Grupo Ence / Grupo Ence

O presidente e conselleiro delegado de Ence, Ignacio de Colmenares, avanzou este xoves que a sentenza do Tribunal Supremo sobre a súa planta en Pontevedra "é definitiva" e non se poderá recorrer. Asegurouno nun encontro telemático con analistas e investidores.

"Desde toda perspectiva legal hoxe a nosa concesión é firme", sinalou o dirixente da empresa pasteira, que indicou que en "próximos días" coñecerase a totalidade do fallo.

Segundo explicou, aínda que os colectivos contrarios á permanencia da planta na ría de Pontevedra poden tentar levar o fallo ao Tribunal Constitucional ou a instancias europeas, os representantes legais de Ence "están seguros" de que non hai forma de recorrer. A pesar diso, avogou por abrir un diálogo con todos os actores sociais da zona.

"Podemos permanecer en Pontevedra ata o 2073. É certo que o alcalde da cidade non nos ama e que a vida non vai ser moi fácil, pero temos que vivir con iso", sentenciou.

Tras esta sentenza, Ignacio de Colmenares asegurou que "paso a paso" e ao longo do próximos dez anos haberá investimentos na fábrica de Pontevedra por importe de 130 millóns de euros para operar cos máximos "estándares de calidade e sustentabilidade".

Con respecto a proxectos futuros, Colmenares ratificou a intención da empresa de crecer en Galicia. A pesar de permanecer en Pontevedra, abrirá nas Pontes unha nova planta de produción de fibra reciclada, co obxectivo de que poida funcionar en 2026.

Esta iniciativa enmárcase nunha iniciativa "de transición xusta e de bioeconomía circular", segundo o presidente de Ence, que a compañía xa abordou co goberno galego.