O cine Cinexpo de Pontevedra, situado no Centro Comercial Vialia - Estación de Renfe, está a ser obxecto de críticas tras as experiencias desagradables vividas recentemente por socios da Asociación Socio Sanitaria Enfermidades Inflamatorias Intestinais e Ostomizados (ASEII).
Lara De Saa, Víctor Loira e Ángela Paz compartiron os seus testemuños, nos que manifestan unha preocupante falta de consideración cara ás persoas con discapacidades e enfermidades crónicas.
Os feitos relatados polos dous primeiros ocorrían na última semana do mes de outubro; o terceiro caso, foi no contexto dunha reclamación que hai 8 anos logrou cambiar as normas de acceso a estes cines para persoas con enfermidades crónicas. Unha vitoria que, á vista das recentes experiencias, parece vivir un retroceso.
O INCIDENTE DE LARA DE SAA
O 30 de outubro, Lara De Saa, vogal da Asociación Socio Sanitaria de Enfermidades Inflamatorias Intestinais e Ostomizados, viviu unha experiencia frustrante no cine Cinexpo de Pontevedra, onde se lle impediu ingresar co seu bastón, unha ferramenta indispensable para a súa mobilidade debido á súa enfermidade rara e discapacidade.
Ao acceder ao interior do establecemento e escanear a súa entrada, un empregado informoulle de que non podía ingresar á sala de cine co bastón, alegando razóns de seguridade.
"Eu díxenlle ao empregado: é que non o entendo, é coma se fose poñerme a dar bastonazos ou que? Entón si vai alguén en cadeira de rodas, quítaslle a cadeira?; ou se vai alguén con lentes, quítaslle as lentes por se curta a outros?. É que non tiña sentido ningún o que me dixo para impedirme entrar co bastón", expresa Lara.
O empregado propúñalle levar o bastón para devolverllo unha vez que rematase a película e abandonase as instalacións. "Pero eu necesitábao para moverme, para subir e baixar as escaleiras da sala ou se teño que ir ao baño", exclama.
"Estamos a falar de que unha persoa con discapacidade, que o necesita (o bastón). É como pór así aínda máis trabas á nosa situación, que xa de seu é complicada pola discapacidade", reflexiona indignada.
Aínda que finalmente lle permitiron o acceso, lamenta pasar por esa situación. "Dentro do malo, pasoume estando coa miña nai. Pero eu moitas veces vou ao cine coas miñas sobriñas pequenas. Se se poñen así un día que vaia con elas, pois asustaríanse moito, e eu tamén".
Paradoxalmente, nas anteriores ocasións que visitou este mesmo cine nunca lle puxeron impedimento para acceder co seu bastón de apoio. Tampouco noutros lugares de extrema seguridade, como aeroportos ou museos, viviu un incidente similar.
A tensión non rematou nese momento. Ao terminar a película pediu no despacho de billetes unha folla de reclamacións. Alí derivárona ao piso de arriba, pero nese momento non había ninguén para atendela.
"Entón, como xa era tarde, e eu xa estaba cansada por tema da miña enfermidade, marchei", relata Lara. Ao día seguinte, encamiñouse aos cines para pedir a folla de reclamacións, pero informáronlle que até media hora máis tarde non podía acceder ás instalacións, a pesar de que estaban abertas ao público. Como tiña un compromiso, decidiu marchar e regresar ao día seguinte, o venres 1 de novembro e de novo todo foron trabas.
"O empregado que estaba, que debe ser o encargado, porque foi o que despois asinou, púxoseme todo chulo, preguntándome que para que quería unha folla de reclamacións. E díxenlle que era para contar o que me pasou", explica Lara. Tentou disuadila para que non presentase a queixa: "total, se ao final che deixaron pasar...", expuxo.
Unha vez cuberta a folla de reclamacións, asinouna e entregoulla para que lle desen unha copia. "Entón, o empregado dixo: bo, pois agora esperas que eu teño que ir selala. E tardou media hora en subir para pór un selo e volver", exclama Lara, quen está segura de que o estaba facendo á mantenta. "E á parte diso, con moi malas formas. Era como que, por riba, eu me tería que sentir mal por pedir unha folla de reclamacións no canto de ser todo o contrario. Entón, nada, a experiencia foi horrible".
A URXENCIA DE VÍCTOR LOIRA
Dous días antes que Lara, Víctor Loira, vicepresidente de ASEII, tivo tamén unha experiencia desagradable neste cine. No seu caso, achegouse ao recinto a consultar a carteleira.
Nese momento, atrapado por unha necesidade urxente debido a un fallo na súa bolsa de ostomía, preguntoulle a unha empregada onde estaban os baños e indicoulle que "subindo a man dereita". Os aseos da planta baixa, xunto ao acceso ao cine, atópanse dende hai un tempo clausurados.
Segundo o relato de Loira, ao chegar, moi apurado, á primeira planta topouse con dous traballadores que lle impediron entrar, alegando que o baño era de propiedade privada. "Pedinlles até tres veces que, por favor, tiña unha necesidade urxente de ir ao baño e dixéronme que ían chamar a seguridade", salienta.
"Non tería que explicarlle a ninguén a miña situación persoal. O único que pedía era acceder a un servizo básico de forma digna", afirmou Loira.
O tempo apremaba e, ante a negativa, Víctor tivo que improvisar, baleirando a súa bolsa de ostomía nunha papeleira.
Explica Víctor que "cando rompe a bolsa, como foi este caso, se non a baleiro a tempo, rebenta, os ácidos queimaríanme a barriga e tamén me mancho". Ademais, subliña que ata que non vai ao baño non pode saber até que punto está afectada a bolsa. "É moita impotencia, por iso decidín baleirar a bolsa na papeleira".
Só entón, os empregados permitíronlle acceder ao servizo, aínda que o dano xa estaba feito. O atraso provocara que a bolsa de ostomía rompese, o que obrigou a Loira a regresar á súa casa para cambiala, xa que non consideraba hixiénico facelo nesas instalacións.
"Cando baixei, pedín a folla de reclamacións e non ma quieron dar porque me dixeron que eu non era usuario do cine", continúa. Víctor está seguro de que "estaba en todo o dereito de reclamar esa situación pola maneira en que me atenderon". Despois dunha "pequena liorta" por non facilitarlle a folla de reclamacións "ao final deume un ataque de ansiedade e funme, porque se non, iamos acabar mal".
Do mesmo xeito que Lara, insiste en que noutros lugares nunca lle puxeron impedimentos para acceder a un aseo en caso de necesidade. En concreto, lembra dous episodios recentes nunha cafetería e un comercio: "dixéronme que pasase ao baño sen problema".
ÁNGELA PAZ E A VALORACIÓN DE ASEII
A presidenta de ASEII, Ángela Paz, indica que este non é un problema novo. En xuño de 2016, a asociación xa denunciara publicamente a estes mesmos cines xunto á Asociación de Nenas, Nenos e Xente Nova con Diabetes de Galicia (ANEDIA) por non "permitirnos entrar coas nosas mochilas ao cine: aos diabéticos por levar a súa insulina, ademais de alimentos, e aos de crohn, colitis ulcerosa e ostomía por levar nutrición, así como bolsas de ostomías e os seus complementos", enumera.
Lembra Paz que ela mesma tivo que enfrontar unha situación desagradable neste cine, cando un empregado lle ordenou deixar a mochila, onde portaba todos os utensilios para a súa bolsa de ostomía e unha nutrición especial, nun despacho de billetes fóra da sala de cine.
"Que non che deixen entrar coa mochila, crea unha situación ansiosa e leva a que non goces realmente do que che están ofertando e, ao final, deixas de ir ao cine, que foi o que fixen eu, dende hai 8 anos deixei de ir ao cine en Pontevedra", sinala.
Tras escoitar as vivencias dos seus compañeiros, parécelle incrible que "o que se acordou no ano 2016 quedase en auga de borraxas e non se conseguise mellorar".
Puntualiza que "os cines non son conscientes do que realmente estamos a pedir, porque somos máis de 5.000 persoas con distintas disfuncións e diversidades orgánicas en España, con mobilidade reducida incluída, que por estas causas deixamos de ir ao cine e, por tanto, perden clientes".
Neste sentido, apunta que unha formación axeitada do persoal evitaría situacións deste tipo que, "por desgraza", ASEII ten constancia que non é un tema puntual en Pontevedra, senón que se repite noutros lugares de España, sobre todo en centros de lecer e parques de atraccións.
"Con todo, con gardas de seguridade nunca tivemos este problema, porque están formados para saber que, por exemplo, levamos unha tesoira cirúrxica que non é unha arma, porque ten as puntas redondeadas e necesitámola para manipular a bolsa de ostomía", manifesta a presidenta da asociación.
Por mor destes eventos, ASEII comprometeuse a elevar a súa queixa a todos os partidos políticos e á dirección de Cinexpo, agardando que se tomen medidas efectivas que aseguren un "acceso inclusivo e respectuoso" para todos os usuarios.
A RESPOSTA DENDE A EMPRESA
Este medio tentou contactar coa empresa que xestiona os cines Cinexpo, o Grupo Galicine, para obter a súa versión sobre os incidentes reportados.
A persoa que respondeu á chamada dende a sede na Coruña pediu non ser identificada como representante da empresa, xa que o seu traballo era meramente administrativo.
Declinou transferir a chamada a unha persoa con responsabilidades no Grupo Galicine pero afirmou que non tiñan coñecemento dos feitos nin da presentación, unha semana atrás, da reclamación polo incidente do bastón.
"Descoñezo totalmente o tema e creo que non hai nada raro nin nada polo estilo. Se me di que a persoa presentou unha reclamación no propio cine, pois cando nos chegue a reclamación contestaráselle a esta persoa", sinalou.
Sobre as políticas de acceso, reafirmou que as condicións están claramente especificadas na súa páxina web e que convidan á asociación ASEII a pórse en contacto con eles para proporcionar máis información sobre o suceso.