CIG chama ao desacato da sentenza e pide á Fiscalía que procese aos responsables dos recheos do Porto

Pontevedra
05 de decembro 2014

O responsable de CIG-Mar, Xabier Aboi, chamou ao desacato da sentenza que ilegalizara os recheos do Porto de Marín. Ademais o sindicalista instou a Fiscalía de Pontevedra a que "abra unha investigación sobre esta obra e se procese os técnicos e políticos responsables desa barbaridade"

Empresas afectadas pola sentenza
Empresas afectadas pola sentenza / CIG

O responsable de CIG-Mar, Xabier Aboi, chamou ao desacato da sentenza que ilegalizara os recheos do Porto de Marín. Ademais o sindicalista instou a Fiscalía de Pontevedra a que "abra unha investigación sobre esta obra e se procese os técnicos e políticos responsables desa barbaridade".

A sentenza do Supremo ratificou a decisión do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia pola que se obrigaba ao porto a derrubar máis de 300.000 metros cadrados de terreo gañados ao mar e, por conseguinte, as industrias instaladas nel.

Aboi recordou que esta sentenza, que non é recorrible, implica tres institucións: Xunta de Galicia, Deputación e Autoridade Portuaria, ás que se lles esixe a reposición da zona portuaria á anterior situación e estado.

"A sentenza recorda que aquí non se poden facer obras públicas porque a min me dá a gana e aquí hai responsables", dixo Aboi. O fallo xudicial, segundo Aboi, tamén sinala os presidentes da Autoridade Portuaria durante todo este proceso: Celso Callón (PSOE), Tomás Iribarren (PP), Marín Ramallo (PP), Juan Carlos Surís (PSOE) e José Benito Suárez Costa (PP), e quen ten moita responsabilidade aquí" é o entón conselleiro de Política Territorial, Alberto Núñez Feijóo "que estivo en todo o proceso". Ademais Aboi citou o presidente da Deputación, Rafael Louzán, "aínda que menos".

"Non se poden ir de rositas", clamou Aboi.

DESACATO

Ademais o líder sindical asegurou que na CIG "non aceptamos as sentenzas xudiciais, sobre todo cando tardan nove anos, e o digo con plena consciencia", declarou.

Xabier Aboi dixo se consciente de que co seu convite ao desacato "imos ter algún problema coas súas señorías", pero insistiu en que "non aceptamos estas sentenzas xudiciais" xa que conclúe que "un país que está podrecido cando tardan nove anos en ditar unha sentenza para dicir que hai centos de traballadores que se teñen que ir á puñetera rúa sen ningunha saída".

As críticas do voceiro de CIG-Mar estendéronse a Alternativa Galega de Esquerda (AGE) por demandar a execución "inmediata" da sentenza contra os recheos do porto de Marín.

En concreto, Aboi sinalou ao parlamentario Juan Manuel Fajardo ao que chamou "sinvergüenza" por "vincular este problema co tema do tren ao seu paso polo barrio dos Praceres" e o acusou de "mirar para outro lado" cos depósitos do Ferrazo e os recheos do Porto de Vilagarcía.